En portadaÚltima hora

O incendio forestal do municipio de Quiroga segue activo e leva queimadas unhas 250 hectáreas

 

Continúa activo o incendio forestal que se iniciaba ás 15:25h. do 15 de setembro no municipio de Quiroga e que xa afecta a unha superficie dunhas 250 hectáreas segundo a última actualización feita pública pola Consellería do Medio Rural. “Pasadas as tres da tarde iniciábase un lume na zona de Malcatán, entre Campos de Vila e Penas Rubias. Pese a intervención de numerosos medios terrestres e aéreos, o lume que se iniciaba nunha zona arborada comezou a correr descontrolado, avivado polas altas temperaturas e polo forte vento desta tarde”, segundo explicaban a última dende o Concello de Quiroga.

Tamén facía público esta administración local que a “Xunta de Galicia instalaba ás nove da noite un posto de mando avanzado na gasolineira de Quiroga dende o que coordinan os numerosos equipos de extinción terrestres que ían chegando á zona para participar na loita contra as lapas que se movían rapidamente entre as árbores”.

 

 

Ata este posto de mando, achegábase o Alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, que xa se desprazara durante a tarde, xunto co concelleiro do Medio Rural e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias, ata a zona do incendio.
Polo de agora este lume non ten afectado a ningún núcleo de poboación.

“Está estabilizada unha parte, pero aínda hai lume, agora mesmo están a traballar os medio aéreos a tope”, indica o alcalde de Quiroga. “Está o lume entre Campos de Vila e Penas Rubias, pero de momento non está cerca de ningún núcleo de poboación, pero cos incendios nunca se sabe, ao cabo do día nunca sabes o pode pasar. Hoxe parou o vento que onte sopraba forte e xogaba en contra dos labores de extinción”.

Arestora participan no operativo de extinción do lume 33 axentes, 35 brigadas, 29 motobombas, 6 pas, 9 técnicos, 2 unidades técnicas de apoio, 12 avións e 7 helicópteros.

Fotos: RTM Quiroga.

Back to top button