En portadaÚltima horaVídeos

O independente Miguel A. García toma posesión do seu cargo como alcalde do Bolo

Cumprindo co pacto de goberno das últimas eleccións, substitúe ao socialista Alberto Vázquez

 

Cumprindo co pacto de alcaldía rotatoria asinado nas eleccións municipais de 2023, entre  PSdeG PSOE e Somos O Bolo e, trala renuncia do socialista Alberto Vázquez que gobernou os dous primeiros anos, o independente Miguel Ángel García Fariñas é dende hoxe o novo rexedor do Bolo.

 

 

O rápido pleno de investidura, celebrado na mañá deste luns 23 de xuño, desenvolvíase con total normalidade e sen sorpresas. Con catro votos (de Somos O Bolo e PsdeG-PSOE) para Miguel e tres (do PP) para Antonio López, o independente Miguel A. García era proclamado alcalde recollendo o bastón de mando.

 

 

Antes de xurar o cargo e levantar a sesión, o xa novo alcalde daba as grazas aos que “no seu día confiaron en nós para que puderamos chegar aquí” e tamén aos socialistas do equipo de goberno, especialmente a Alberto “porque conseguiu abrir este Concello e facer actos, aproveitando os recursos que temos”.

 

 

Miguel lembrou moitas das accións levadas a cabo durante os dous últimos anos, como obras, rutas de sendeirismo, buscar xacementos arqueolóxicos que hai no municipio e sobre todo “abrir o Concello a moitos eventos, preocupándose pola xente dos pobos e levándolles un pouco de alegría aínda que sexa con actos sinxelos como as visita dos Reis Magos, ademais de actos culturais e deportivos”, dixo, asegurando que agora daranlle continuidade.

 

 

Tamén avanza que manterán reunións nos diferentes pobos para coñecer as demandas e preparar proxectos de cara ao ano que vén. Recoñece que dos 28 pobos, máis da metade están en moi mal estado en canto a infraestruturas porque “arrastramos moito tempo sen mirar para eles e o presuposto é o que é (1.140.000 euros), polo que tocaremos as portas noutras Administracións para poder facer as cousas ben”, di Miguel. A media é de “2-3 proxectos benfeitos porque non queremos parchear senón desenvolver os proxectos enteiros e para este ano están Chao do Castro, Valdanta e Celeirós”, puntualiza Mayra
Mattínez, asegurando que intentarán facelo o mellor posible.

 

 

De cara recuperar poboación, dende a alcaldía téñeno claro. “O primeiro é arranxar vivendas para a xente que veña de fóra, non só no Bolo senón nos pobos porque hai moita vivenda baleira”, din Miguel e Mayra, priorizando os edificios que xa son dos Concello, “varios pisos e a casa cuartel que xa conta cunha sala polivalente, sen descartar as casas en mal estado polas diferentes aldeas”, din, adiantando que lle darán o seu “toque” a certos proxectos mantendo os pactados hai dous anos co PSOE, e que “seguramente nos volvamos presentar para as vindeiras eleccións”.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Back to top button