
O G.E.M. (Grupo de Espeleoloxía e Montañismo) Águilas Verdes de Rubiá, ten xa preparado o V Campamento Infantil de Espeleoloxía que terá lugar na fin de semana do 27 e 28 de xuño, tendo como base de operacións o refuxio de Covas.
Trátase dun campamento dirixido a nenos e nenas de 7 a 14 anos cuxo prazo de inscrición abrirase mañá, luns 15 de xuño ata completar as 20 prazas dispoñibles. O custo é de 15 euros para os socios de 30 euros para os non socios.
Mantendo a dinámica dos anos anteriores, a recollida dos nenos farase o sábado cara as 9 da mañá no bar de Covas e xa a partir das 10 horas comezarán as actividades entre as que non faltarán a baixada a unha cova, as saídas en kaiak e tiro con arco debido á nova sección de arco do club. Pola noite, a cea será no refuxio onde tamén pernoitarán tralos xogos nocturnos cos que pecharán a primeira xornada.

O programa do campamento retomarase na mañá do domingo co almorzo e a visita por terceiro ano do GREIM (Grupo de Rescate e Intervención en Montaña) con base en Trives que fará unha exhibición. Ao xantar coma sempre asistirán os pais e nais dos cativos participantes e cara ás 16:30 horas será a clausura coa entregas de diplomas e despedida.
Dende Águilas Verdes que este ano cumpre 40 anos, destacan que “a aventura non está na superficie senón baixo os pés”, explicando que os participantes neste campamento “exploran covas e galerías; aprenden xogando; traballan en equipo coa diversión asegurada”, fomentando a amizade e o respecto pola natureza.

