CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

O IX Festival Medieval de Viana do Bolo recrea o esplendor histórico da vila

 

A chegada da Raíña Urraca a cabalo ata a Torre Medieval acompañada polo son de trompetistas, sendo recibida pola veciñanza e as autoridades locais era un dos momentos máis destacados do IX Festival Medieval de Viana do Bolo que se celebraba na tardiña do sábado 4 de abril.

 

 

Ideado co obxectivo de recuperar e poñer en valor o patrimonio do romanceiro medieval transmitido por tradición oral no noroeste peninsular, e organizado pola Deputación de Ourense en colaboración co Concello de Viana do Bolo e a Xunta de Galicia, o festival está xa consolidado como unha cita cultural de referencia que, ademais de reivindicar o legado medieval, rendía nesta edición unha homenaxe especial ao profesor Juan Antonio Pinza pola súa “contribución á investigación e difusión do romanceiro tradicional”.

 

 

Durante máis dunha hora o festival recreou o esplendor histórico da vila, evocando o seu pasado como residencia de condes e reis, a través dunha programación que combina música, tradición e escenificación histórica, conducida por Montse Estévez que contou coa participación de Boteiros e Fulións de Viana, que achegaron a forza rítmica característica desta tradición ancestral.

 

 

A escenificación central corría a cargo de Carmen Penim e membros da Real Banda, que interpretaron o romance de Dona Vrraca e pezas da égloga Pastora da Serra Sola; mentres que o apartado musical contou coa participación de destacados intérpretes e divulgadores do romanceiro medieval, como Miro Casabella, así como cantoras tradicionais como Fiuca de Trives, Digna de Vilanova e Blandina de Cotarós. O festival tamén reforza cada ano os vínculos culturais con outros territorios, coa participación nesta edición de Marta Prieto e Amelia García, representantes das tradicións de Sanabria e Trás-os-Montes, e do musicólogo asturiano Daniel García de la Cuesta.

 

 

O broche de ouro chegaba coa actuación conxunta da Coral Candea e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, nunha clausura que combinaba música, tradición e identidade cultural.

 

 

Vídeos cedidos.

 

Back to top button