DeportesKárateÚltima horaVídeos

O karateka valdeorrés Nicolás Rodríguez consegue o 7º DAN

Excelentes novas para o deporte valdeorrés en xeral e para o karate en particular. O mestre Nicolás Rodríguez, un dos pioneiros do karate na comarca, seleccionador galego de kata e adestrador do KC River Stone, vén de conseguir o 7° DAN.

Todo un logro e unha honra pola que os seus alumnos, e son moitos, o felicitaron a través dun emotivo vídeo. Sempre está de broma, animando a todo o mundo, e non resulta doado de sorprender, pero de seguro que o conseguen.

 

Nicolás Rodríguez, 7º DAN./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Entre fotos antigas e bonitas mensaxes, moitas coa retranca que el mesmo usa, aseguran ter a sorte de crecer aprendendo “o mellor karate do mellor sensei”, ese a o que agora concederon o 7° DAN. “A traxectoria meréceo, o talento e a experiencia, tamén. Pero sobre todo meréceo a persoa, o profe Nico polo que eliximos este deporte, o dos taitantos anos, as tiritas que unen dedos dos pés, o das perneras por encima do nocello, o tupé infranqueable, a sorna burlona e o chiste infinito. O xuíz esixente, o árbitro implacable, o coach minucioso, o competidor disciplinado, o mestre entregado”, din, asegurando que o karate e eles mesmos débenlle tanto a Nico que o 7° DAN que agora lle concederon, “xa se nos queda curto”.

 

 

Vídeo cedido.

 

 

Back to top button