SanidadeÚltima hora

O labor da farmacia rural no seguimento da medicación dos pacientes maiores

O Programa de mellora da adherencia terapéutica desenvolvido en colaboración coas farmacias asegura que as persoas maiores de 75 anos polimedicadas tomen a medicación axeitadamente

 

Nunha visita á farmacia de Xunqueira de Ambía, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, poñía en valor hoxe o labor das farmacias rurais no seguimento da medicación dos maiores, con 500 oficinas xa adheridas ao programa que ofrece unha dosificación personalizada dos tratamentos. Estaba acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, así como polo alcalde da localidade, José Luis Gavilanes, e da vicepresidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Carmen Gallardo.

O conselleiro indicaba que esta oficina de farmacia é un exemplo da implicación do sector no coidado da poboación do rural galego e destacaba o papel das farmacias no conxunto do sistema sanitario galego, en especial no rural, tendo en conta a dispersión e envellecemento da poboación da nosa comunidade.

Así, incidiu en que a capilaridade, a cobertura, a accesibilidade e a dispoñibilidade das farmacias as converte en “axentes esenciais na promoción da saúde e na educación sanitaria da poboación”.
Gómez Caamaño dixo que a Xunta é coñecedora da potencialidade que ofrecen as farmacias en materia de accesibilidade e proximidade aos pacientes e, a tal efecto, o Servizo Galego de Saúde, en colaboración cos colexios oficiais de farmacéuticos, promoven distintas accións e campañas encamiñadas a mellorar o seguimento farmacoterapéutico dos pacientes.

Como exemplo desta colaboración citaba o Programa de mellora da adherencia terapéutica, posto en marcha o pasado ano, e que, a través de sistemas personalizados de dosificación, permite facer un seguimento personalizado, o que asegura que as persoas de maior idade tomen a medicación axeitadamente. Este programa personalizado de dosificación busca mellorar a adherencia dos pacientes maiores de 75 anos, polimedicados, e que viven sos ou teñen dificultades para seguir o seu tratamento correctamente.

Tal e como detallou o conselleiro, son máis de 500 as farmacias galegas, delas ao redor de 60 da provincia de Ourense, as que se teñen sumado a esta iniciativa, coa que se garante que os maiores galegos poidan seguir os seus tratamentos de xeito seguro, mellorando a súa calidade de vida e evitando hospitalizacións ou complicacións innecesarias.

Na actualidade hai 114 pacientes no programa, e o departamento sanitario galego quere seguir sumando novos beneficiarios a esta iniciativa, polo que o conselleiro convidou aos maiores a que participen no programa.

Tamén se referiu a outras medidas do Goberno galego pioneiras no eido da prestación farmacéutica, como o decreto de entrega de medicamentos a domicilio para pacientes dependentes ou residentes en zonas illadas, que se está a tramitar. Trátase dunha iniciativa que xa foi levada a cabo con éxito de xeito excepcional durante a pandemia.

O titular da carteira sanitaria engadiu que a Xunta traballa da man dos colexios farmacéuticos e da farmacia comunitaria para reforzar a atención sanitaria ao conxunto da poboación, favorecendo a equidade territorial e o benestar dos galegos, tamén no rural, remarcando o compromiso do Executivo autonómico coa saúde pública ao ofrecer un servizo próximo, personalizado e de calidade.

O Colexio Oficial de Farmacéuticos Ourense remarca que as farmacias son imprescindibles para preservar a saúde da xente do rural. Así, hoxe en día, eríxese como una infraestrutura sanitaria esencial, complementando a Atención Primaria. Trátase dun establecemento sanitario próximo e sempre aberto para os pacientes, todos os días do ano.

Neste sentido, e seguindo a evolución do perfil da poboación, que require cada vez máis dun seguimento farmacoterapéutico, o servizo profesional farmacéutico asistencial con sistemas personalizados de dosificación faise indispensable no rural.

Back to top button