DeportesÚltima hora

O lanzador valdeorrés Carlos Revuelta, noveno no campionato de España absoluto

Ademais, como adestrador, lograba a súa segunda medalla de ouro en categoría absoluta

Kevin, Carlos Revuelta e Juan; 1, 9 e 4, no campionato de España absoluto de martelo. O adestrador entre os seus dous pupilos./ Foto cedida.

 

Unha tempada máis, e xa van 11 consecutivas, o lanzador de martelo Carlos Revuelta Parra, natural do Barco, vén de participar no Campionato de España absoluto de atletismo, que ao longo de toda esta fin de semana, tivo lugar na localidade alacantina da Nucía.

Nesta ocasión, Carlos só puido realizar os 3 primeiros lanzamentos, quedando na novena posición final, cun mellor intento de 59 metros e 52 cms. Esta pequena decepción como atleta viuse compensada con fartura, xa que na mesma final, un dos lanzadores que el dirixe no Centro de Alto Rendemento de Madrid, Kevin Arreaga, alzouse coa medalla de ouro tras un lanzamento de 73 metros e 72 cms., e outro deles, Juan Jiménez, aínda en categoría sub 23, alcanzou a cuarta posición.

Ademais, na proba feminina, Revuelta, colocou a outras 3 atletas adestradas por el, entre as finalistas, sendo o adestrador que máis lanzadores de martelo situou entre os participantes deste Campionato de España absoluto.

Carlos consegue así, a que é como adestrador, a súa segunda medalla de ouro en categoría absoluta, tras a obtida o pasado febreiro na modalidade de lanzamentos de inverno.

É de resaltar polo insólito do caso, o feito de que un atleta que está a participar nunha final dun gran Campionato, se atope ao mesmo tempo, dirixindo os lanzamentos doutros atletas, que máis que rivais, son pupilos.

No resto de probas, non houbo nesta tempada 2024, ningún outro atleta participante que estea vinculado dalgunha forma a Valdeorras.

Back to top button