A forza do Entroido deixábase sentir na tarde deste 23 de febreiro en Trives. A vila acollía o XX Encontro de Folións que promove a Asociación Cultural Os Labregos en colaboración co Concello. Unha cita na que participaban 13 fulións chegados dende diferente puntos do oriente ourensán.

O desfile abríano os anfitrións, Os Labregos, a partir das tres e media dende a Finca da Barreira, e precedidos polos seus Boteiros. Despois cobraban vida os fulións de Chandrexa de Queixa, O Fiadeiro (Trives), Os Arrieiros (Petín), A Veiga, A Lardeira (Piñeiro, Trives), Sobrado (Trives), A Caniceira, Carracedo da Serra (A Gudiña), San Martiño (Manzaneda), Buxán (O Bolo), Fradelo (Viana do Bolo) e o da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso.

Tras saír da Finca da Barreira enfiaban pola rúa San Martín cara a praza do Pilón e, logo, cara a zona antiga da vila. O traxecto, tras pasar pola praza do Reloxio, finalizaba na praza do Concello de Trives.
A organización contaba coa colaboración de Protección Civil de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río e coa da Policía Local de Trives. Numerosas persoas seguían este vibrante e intenso desfile ao longo do seu percorrido.
Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella.
(Ampliarase galería fotográfica).



