
Cita coa maxia da man dun ilusionista vianés esta tarde de venres no Teatro Lauro Olmo do Barco a partir das 19h. O Mago Teto presenta o seu sorprendente espectáculo “Rock ‘n’ Magic”, cunha duración de 70 minutos.
“Rock ´n´Magic”, dirixido por Fran Rei, é máis que un espectáculo de maxia; é un concerto de rock and roll. O Mago Teto, un dos mellores e máis populares magos do noso país, une o seu talento ao de Fer Risco na batería e Mon Orencio na guitarra, para construír un espectáculo onde a maxia convive con algúns dos clásicos do rock and roll.
Sobre o escenario non faltarán aparicións sorprendentes, xogos de adiviñación e pequenas e grandes ilusións máxicas comparten protagonismo coa música rock. Led Zeppelin, Bob Dylan, Os Suaves e infinidade de rock stars están presentes neste espectáculo a través dunha banda en directo que son o complemento perfecto á maxia do xenial Meigo Teto.
Unha gran posta en escena, unha iluminación espectacular, participación do público, humor, maxia son os elementos que fan de Rock and Magic un espectáculo único, posiblemente a experiencia teatral máis parecida a un concerto de rock.
