DeportesMontañismoÚltima hora

O magosto do Club Peña Trevinca Barco volve a celebrarse no refuxio de Fonte da Cova

Unhas corenta persoas participaban neste sábado nesta celebración tradicional

 

O refuxio de Fonte da Cova (Carballeda de Valdeorras) convertíase novamente en escenario do tradicional magosto do Club Peña Trevinca Barco neste sábado 16 de novembro. Unhas 40 persoas reuníanse  arredor da mesa e ao pé das lareiras nesta encontro, que se desenvolvía nun ambiente moi animado e festivo, no que, ademais do apartado gastronomico, non faltaba o bo humor nin os cánticos.

“Despois de dous anos sen poder subir a celebrar o magosto tradicional no refuxio, este outono si que nos animamos. O refuxio mellorouse un pouco e as condicións meteorolóxicas eran ideais neste sábado. Subimos primeiro á mañá para poder facer algunhas pequenas reformas no interior e para preparalo, de forma que logo se fose animando a xente a subir”, explica o presidente do Club Peña Trevinca Barco, Miguel de la Cal.

O club convidaba aos asistentes a chourizos, empanadas (preparadas por Javier de Abeleda), polo, costelas, panceta e pan. Ademais algúns dos socios subían outros pratos, que se compartían, así como multitude de doces, viño, refrescos, cafés, licores.

 

 

“Trátase de crear ambiente, o refuxio ten que ser un sitio de concentración, tanto do Club Peña Trevinca, como da comunidade de montes, que é a quen pertence o terreo, e debe ser un lugar para cobixar, para desfrutar e o importante é que estea vivo”, resalta o presidente do club, quen tamén lembra que estas instalacións de montaña cumprirán 80 anos no 2025.

“O Club Pena Trevinca creouse no ano 1944 e o refuxio fíxose sobre o ano 45, ten moita vida. Certo é que hoxe algunhas melloras necesita, pero sobre todo importante é que vaia tendo vida e, pouco a pouco, iremos facendo as reformas como poidamos para que se manteña en pé e que xente poida seguir desfrutandoo e subindo”, conclúe de la Cal.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button