
A plataforma cidadá Dereito ao Tren celebra hoxe un feito histórico na súa loita pola conectividade do Oriente ourensán. “O Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade un manifesto institucional que asume como propio o texto presentado pola plataforma na multitudinaria manifestación do pasado 2 de agosto na Gudiña”, din.
O que comezou como un clamor veciñal feito palabra, e lido hai apenas dous días polo presidente da plataforma, Rubén Riós, diante de máis de miles de persoas, chega agora á sede da soberanía galega transformado en compromiso político, recollendo as demandas urxentes do rural galego en materia de mobilidade, saúde, desenvolvemento social e económico, dereitos e futuro.
“Non é aínda a restitución das paradas que Renfe nos recortou, pero é un paso institucional xigante. Un primeiro vagón cargado de dignidade, que nos impulsa a seguir camiñando con máis forza ca nunca”, declarou Riós, visiblemente emocionado tras a sinatura do acordo.
Este manifesto institucional “recoñece o impacto dos recortes ferroviarios nas comarcas afectadas e comprométese a mobilizar activamente á poboación para restituír un servizo de tren útil, xusto e adaptado ás necesidades do rural”.