
Do 1 ao 3 de agosto celebrarase en Tarragona o Campionato de España absoluto de atletismo, unha cita na que se contará con representación valdeorresa. Virá da man do lanzador de martelo Carlos Revuelta, que sumará con esta, a súa duodécima final consecutiva ao aire libre, algo destacable dado que nos lanzamentos non acostuman conseguir a mínima máis de 10 atletas. A diferenza das carreiras, con series clasificatorias, nos concursos son finais directas, e resulta moito máis difícil conseguilo.
Nesta ocasión, só 9 lanzadores lograron os 60 metros requiridos ao longo da tempada e para a final serán soamente 8 os rexistrados.
Carlos Revuelta realizaba a mínima en 11 das 14 probas que disputaba, o que demostra a súa regularidade. E, malia que subir ao podio será moi difícil, seguro que dará todo o que ten por chegar o máis lonxe que poida.
O concurso de martelo celebrarase o sábado ás 11:30 e ademais de en streaming a través da páxina web da RFEA, poderá seguirse en Teledeporte.