Cun formato e distribución diferente e con case corenta expositores (produtores e alimentación; artesanía e detalles de Nadal e asociacións sen ánimo de lucro) e multitude de actividades complementarias abría as súas portas esta mañá o XV Mercado de Nadal do Barco de Valdeorras, que se desenvolverá ao longo desta fin de semana na praza do Concello.

Dende doces de diverso tipo, pan, xoias, artesanía en coiro e madeira e outro tipo de obxectos de agasallo ata licores, viños ou mesmo marmeladas e queixos de calidade. Un amplo abano de propostas que destacaba na apertura a concelleira de Comercio do Barco, Alba Rodríguez, acompañada polo alcalde, Aurentino Alonso, que convidaba a veciños e visitantes a percorrer esta mostra e a desfrutar do Nadal. Despois achegábanse a cada un dos expositores para saudar aos produtores.
Numerosas persoas visitaban xa este mercado pola mañá (cun horario de apertura de 11h. a 14h.). Pola tarde (cun horario de 16h. a 17h.) está prevista, entre outras propostas, unha actuación de maxia ás 17h.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.
