CulturaCulturaÚltima hora

“O Merendoiro” regresa ao Barco cunha nova programación de lecer para a mocidade

 

A iniciativa “O Merendoiro”, impulsada polo Concello do Barco, a través das concellerías de Servizos Sociais e Igualdade e da de Deporte e Xuventude, e Outonía, regresa este verán cunha nova programación pensada para ofrecer á mocidade espazos de encontro, aprendizaxe e intercambio de experiencias.

A iniciativa volve trala boa acollida da súa primeira edición, cunha proposta renovada que combina lecer, formación e convivencia, dirixida á mocidade de entre 16 e 35 anos. Ao longo do mes de xullo, desenvolveranse seis obradoiros, algúns deles distribuídos en varias sesións, arredor de temáticas diversas e orientados a fomentar a curiosidade, a experimentación e o descubrimento de novas habilidades e intereses.

O proxecto mantén a súa aposta por un modelo de ocio alternativo que convida a compartir, crear e reflexionar colectivamente sobre o territorio que habitamos. A través de propostas prácticas e dinámicas, O Merendoiro busca ofrecer á mocidade un espazo no que relacionarse, expresarse e participar activamente na vida social e cultural da contorna.

A programación completa darase a coñecer nos vindeiros días a través das canles de comunicación do proxecto. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a partir do luns día 22 de xuño, unha vez se abra o prazo para participar nos distintos obradoiros.

 

Back to top button