SanidadeÚltima hora

O mural de De Nai a Nai sobre lactación materna xa loce no Barco

Trátase dunha obra realizada pola artista barquense Patricia Fernández “Lapintiparada” e está situado fronte ao pavillón de Calabagueiros

 

Nesta fin de semana concluíase o mural sobre lactación materna que a artista barquense Patricia Fernández “Lapintiparada” comezaba a realizar o sábado 8 de xuño. Trátase dunha encarga que lle facía a Asociación De Nai a Nai co fin de darlle visibilidade a esta temática. “O obxectivo desta obra é visibilizar e normalizar a lactación materna dende a infancia. Por iso, o mural se atopa nunha zona estratéxica, rodeada de colexios, institutos, un centro de saúde e escolas deportivas. Queremos que a comunidade se familiaricen con esta imaxe e comprendan a súa importancia”, apuntan dende a entidade.

Pode dicirse que a obra, con cores moi vivos, conta con tres partes dun mesmo conxunto, na central pode verse a unha mai co seu bebé lactante, xunto ao nome da entidade promotora da iniciativa. O mural está situado nun dos muros exteriores do estadio de Calabagueiros, fronte ao pavillón polideportivo.

“Despois de anos de planificación e entusiasmo, finalmente podemos anunciar que o noso mural de lactación é unha realidade. Este proxecto, tan ansiado pola nosa comunidade, atopou as condicións ideais para a súa realización e hoxe xa podemos gozalo”, destacan dende a asociación.

Ademais agradecen o labor da autora. “Sentimonos afortunadas de contar coa talentosa Patricia Fernández, quen aceptou con entusiasmo este desafío. Patricia logrou captar perfectamente a nosa visión e plasmouna nun deseño moderno e vibrante. O mural presenta a unha muller orgullosa de aleitar a un neno que xa non é un bebé, acompañada pola sua parella, resaltando así o importante papel do apoio na lactación. Na nosa asociación, adicada ao apoio nai a nai, incidimos na importancia de sentirnos acompañadas durante este proceso. Xa non só por parte da parella, senon por familiares, sociedade, profesionais da saude e un longo, etc”.

Tamén lembra De Nai a Nai que o muro no que se creou a obra “foi cedido e acondicionado polo Concello.  Incluese a frase “O Barco Cidade Amiga da Lactación Materna”, en recoñecemento á declaración institucional realizada en abril deste ano. Este proxecto, que presentamos a asociación De Nai a Nai co mesmo nome, recibiu o apoio unánime dos tres partidos presentes no noso concello, aprobado en moción conxunta”.

Así mesmo adiantan que esta iniciativa “é só o comezo; dentro do proxecto “O Barco Cidade Amiga da Lactación Materna” hai outras actividades planificadas a medio e longo prazo para seguir promovendo e apoiando a lactación materna na nosa vila”.

Fotos: A.R.

Back to top button