
Un total de 12 clubs pertencentes á Delegación Zonal de Ourense da Federación Galega de Baloncesto, formarán parte da nova Asociación Ourensá de Clubs de Baloncesto Base (AOCBB), creada o pasado 2 de xullo.
Tal como explica Luis Miguel Gil Penín, presidente do AB Xinzo e 1º presidente da AOCBB, ás 20 horas do xoves estaban convocados todos os clubs de baloncesto base da delegación de Ourense, na sala de xuntas das federacións no Couto, e “despois de dúas horas de explicacións dos fins que promove esta asociación e os seus Estatutos de nacemento, por parte dos clubs promotores; e debate das diferentes posturas dos clubs asistentes, doce clubs decidían formar parte da Asociación e asinaban os estatutos e a acta fundacional (CBF Barco; EDO Blanco Amor; AD Bosco; CB Burgas; Carmelitas; BXL Celanova; CB Depordima; CB Val de Lemos; Club Maristas; CD María Trinidad Miraflores; CB Xuventude Verín; e AB Xinzo.

“O resto dos clubs están convidados a formar parte desta Asociación cando o desexen”, asegura o presidente da AOCBB, unha entidade” rexida pola súa Asemblea Xeral, cada club un voto. Ademais a xunta directiva será un órgano só representativo ante as diferentes institucións e entidade e será renovada ao final de cada tempada de competición, no mes de xullo de cada ano”.
Entre os principais fins da nova asociación figuran: potenciar o baloncesto base dos clubs asociados no ámbito da Delegación Zonal de Ourense da Federación Galega de Baloncesto; velar polo respecto e boa relación entre os clubs asociados; representar aos clubs asociados perante a FGB, institucións gubernamentais e outras entidades para defender os dereitos dos clubs e dos seus integrantes, conseguir melloras económicas ou de instalacións; promocionar o baloncesto base; e organizar eventos para mellorar e formar a xogadores e adestradores.
Este martes día 7 de xullo terán a primeira reunión oficial co presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez.

Fotos: Carlos G. Hervella.
