A Xunta de Galicia reserva máis de 14 millóns de euros nos orzamentos de 2025 para seguir modernizando e equipando aos hospitais comarcais. Anunciábao o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na visita que realizaba este mediodía ás novas Urxencias do Hospital de Verín, na que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; pola directora do Distrito Sanitario de Verín, Guillermina Agulla; e polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, entre outras autoridades.
Rueda mencionaba a aposta da Xunta por ofrecer “unhas instalacións sanitarias de primeira” a pacientes e profesionais, na que os hospitais comarcais de Galicia son unha peza clave ao garantir unha asistencia próxima e de calidade a todos os galegos. Neste liña, destacou que este tipo de centros ofrecen “moitos servizos” que ata “hai só uns anos” unicamente eran accesibles nos hospitais de maior tamaño.
O presidente dicía que a Xunta “ten en marcha a maior transformación das infraestruturas hospitalarias na historia de Galicia con grandes proxectos nas cidades, pero tamén no rural e no interior da comunidade. Por iso, nos orzamentos do vindeiro ano increméntase case un 5% a partida para mellorar os hospitais e centros de saúde ata chegar a preto dos 270 millóns de euros. Entre as melloras para os hospitais comarcais no 2025 se inclúen, entre outras, a renovación de todos os ecógrafos”.
Sinalaba tamén que a aposta do goberno galego por unha sanidade pública de calidade queda reflexada no feito de que “a maior parte dos orzamentos” -tres de cada catro euro- son para este eido. Un total de 5.400 millóns de euros, o que supón “un novo récord”, indicou Rueda.

Pola súa banda, o presidente provincial, Luis Menor, valorou a importancia das melloras inauguradas hoxe e realizadas no Hospital de Verín, (posta en servizo do novo edificio de Urxencias e PAC de Verín, no que a Xunta investiu 4,5 millóns de euros) pois “amosan o compromiso da Xunta coa potenciación dos hospitais comarcais, que son un piar básico e un elemento vertebrador para achegar unha asistencia sanitaria de calidade ao conxunto da cidadanía”. De feito, recalcou que “a execución do novo edificio supón un antes e despois no hospital, que medra tanto en dimensións como en calidade asistencial”.
Lembrou tamén Menor que o compromiso da Xunta co crecemento e coa mellora continua do Hospital de Verín é firme, asegurando unha atención de calidade para máis de 46.400 veciños do distrito sanitario de Verín e cada ano atende preto de 15.000 urxencias hospitalarias e a través do Punto de Atención Continuada.
Novas urxencias
O novo edificio das Urxencias e do PAC do Hospital de Verín, que abrirá as súas portas este xoves, supón ofrecer aos pacientes e aos profesionais unhas instalacións máis modernas, accesibles e confortables. A nova infraestrutura triplica a superficie das anteriores Urxencias e libera espazo no hospital matriz, o que permitirá mellorar servizos que precisan ampliar a súa capacidade como ocorre co Hospital del Día.
O Hospital de Verín da servizo a máis de 46.400 veciños do distrito sanitario de Verín e cada ano atende preto de 15.000 urxencias hospitalarias e a través do Punto de Atención Continuada.