Na mañá deste venres 13 de xuño, festividade de San Antón, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidía a Xunta Local de Seguridade do Concello da Rúa que abordou a diagnose das estatísticas de criminalidade e ultimou os dispositivos de seguridade para as festas do verán do municipio. Despois da reunión, animou á veciñanza a desfrutar das celebracións “con responsabilidade” e sempre cumprindo as normas.
A xuntanza, celebrada no Concello da Rúa, estivo presidida tamén pola alcaldesa, María González Albert, e contou coa asistencia de membros da Garda Civil e a Policía Local, que trataron tamén o estado da violencia machista na localidade e os datos do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas.

Eladio Santos agardou que os festexos e concertos que animarán o municipio na época estival, especialmente as festas de agosto, transcorran “con normalidade e sen altercados”, porque o obxectivo é que veciños, veciñas e visitantes desfruten sempre “con seguridade”. Para iso, a Policía Local reforzará a vixilancia, coa axuda e colaboración da Garda Civil.
En relación á situación da seguridade no municipio, a Garda Civil detallou que o total de infraccións penais no municipio baixou nos catro primeiros meses de 2025 en comparación ao mesmo período do ano anterior. “A Rúa é unha vila segura e quero agradecer o traballo conxunto da Policía Local e a Garda Civil que permite esclarecer os delitos e manter as rúas en calma”, subliñou o subdelegado.
Sistema VioGén
Nestes momentos, un total de 9 mulleres están protexidas a diario pola Garda Civil e a Policía Local na Rúa, mentres que o número de casos activos na provincia e de 534. “Este Concello forma parte do sistema de Seguimento Integral dos Casos de Violencia de Xénero (VioGén) desde 2022, o que facilita a coordinación para manter a seguridade das vítimas, e temos que seguir traballando para lograr que ningunha muller estea en perigo”, indicou Eladio Santos.
Fotos: Carlos G. Hervella.