ConcellosFolgoso de CaurelQuirogaRibas de SilÚltima hora

O obradoiro Sillor VIII formará a 20 persoas desempregadas de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel

Os participantes obterán o certificado de profesionalidade en operacións auxiliares da construción

 

A Consellería de Emprego e Igualdade inviste 377.000 euros no obradoiro de emprego Sillor VIII, que deu comezo recentemente nos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe aos 20 participantes, que se forman na especialidade de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.

Ademais, neste caso parte do investimento está destinado a sufragar incentivos para facilitar a posterior contratación dos 20 alumnos traballadores durante un mínimo de tres meses máis a xornada completa en empresas locais do sector.

Arias explicou que a etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de nove meses e estará dirixida á cualificación e adquisición de experiencia laboral mediante un contrato de traballo; ao rematar, obterán un certificado de profesionalidade.

Ao tempo que adquiren os coñecementos e habilidades necesarias, os participantes no obradoiro desenvolven distintas obras nos concellos promotores. En concreto, en Ribas de Sil acondicionarán a nave municipal de San Clodio, e en Quiroga construirán beirarrúas na travesía dos Tallos.

Pola súa banda, en Folgoso do Courel construirán unha beirarrúa na Avenida Deputación e un heliporto eventual en Traspando, mellorarán o acceso á igrexa de Esperante, acometerán os revestimentos interiores da nave municipal da Serra e acondicionarán unha zona para parapente no alto do Piapaxaro.

Artigos relacionados

Back to top button