Profesionais de enfermería de Atención Primaria do Centro de Saúde do Barco veñen de iniciar en Valdeorras o proxecto de saúde escolar “Matilde no Cole”, destinado a ensinar primeiros auxilios aos nenos de educación. Esta iniciativa estreábase dun xeito moi positivo na mañá deste 22 de abril no CEIP Julio Gurriarán do Barco, con dous grupos de cativos de 5 anos.
O obradoiro ten unha duración aproximada de unha hora e nel emprégase material audiovisual de apoio. A través desta iniciativa, os escolares de infantil poden aprender conceptos básicos e saber como actuar para salvar vidas desde unha idade temperá.
Esta iniciativa enmárcase no programa de saúde comunitaria “Pupas, Sustos e Outros Desgustos” da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, destinado á poboación escolar de educación primaria. Así o obradoiro “Matilda no cole” adaptábase a infantil e botaba a andar hai dous anos na área sanitaria ourensá pero ata agora non chegara a Valdeorras.
“Está principalmente orientado a dúas cuestións: a posición lateral de seguridade, en caso de alguén estea durmido, que é como o explicamos, e que respira, pois que saiban que hai que avisar ao 112. E logo que visualmente saiban onde hai un desfibrilador, e amosámoslle o logotipo para que fixen e saiban o que é, que de feito en case todos os colexios de Valdeorras hainos. E, despois a reanimación RCP, cun peluche e cunha canción adaptada aos nenos e na que mostra o ritmo para que saiban como actuar e que, pouco a pouco, se lles vaian quedando cousas”, explica a enfermeira Susana Fernández, do Equipo Soporte de Atención Domiciliaria (ESAD), unha das que impartía a formación, xunto á enfermeira Isabel Navarro e á enfermeira pediátrica Beatriz Rodríguez, as tres do Centro de Saúde do Barco. Ademais estaban acompañadas por unha enfermera en prácticas neste mesmo centro, Enya Real.
A intención é continuar con este tipo de obradoiros noutros centros educativos da comarca de Valdeorras. “Cremos que tamén é moi importante que os nenos de infantil teñan esa toma de contacto dos primeiros auxilios, polo menos que saiban o contacto do 112 e que facer en caso de que haxa unha persoa que está durmida, que moitos rapaces xa comentaban “está desmaiada”, ou sexa que xa saben que non está só durmida, comezan a ter conceptos distintos”, conclúe Susana Fernández.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.
