Simplemente espectacular. Superando toda expectativa e seguindo o programa previsto, na tarde do sábado 8 de agosto tiña lugar o concerto de verán do Orfeón Trivés, un emotivo e especial acto celebrado nun ateigado Auditorio Xulio Vázquez no que o coro, presidido por Aurelio Álvarez e dirixido por Sandra González, vestía de longo por primeira vez a adaptación de Trives noble, o poema que o escritor Xosé Luna regalou á vila e a Julio Ancohea, “o neumólogo poeta, que leva a súa Terra na lapela do corazón” e ao que dotaban de aire e melodía.
A velada, plantexada “cunha narrativa que busca emocionar tanto como divulgar”, estruturábas en tres bloques entrelazados pola palabra e a harmonía. O primeiro, ‘Voces con Raíz e Memoria’ cun repertorio que viaxa desde a tradición ata a poesía lírica contemporánea coa interpretación de Vira Virou, Cantares, Tres cantos andinos e o clásico Quérote; o segundo bloque, ‘Virtuosismo ao Piano e Emoción Compartida’, no que o escenario sumaba a mestría e o prestixio internacional do pianista trivés Fabio Álvarez, que acompañaba ao Orfeón en tres fermosas cancións: Negra Sombra, Adiemus e Pomba Dourada; e o terceiro e último bloque ‘O Colofón Lírico’ coa intervención de Xosé Luna, autor do poema orixinal, e de David Álvarez, autor da música, que daba paso á presentación en primicia da adaptación musical de Trives nobre, creada á medida da agrupación coral.
O do sábado non foi un concerto máis. “Non é só música, tamén arraigamento, identidade e personalidade propia, coa estrea dun himno emocional”, aseguran dende o Orfeón contentos e emocionados por un evento no que non faltaron as intervencións, entre elas a do Dr. Julio Ancochea, fillo predilecto de Trives, que lembrou o vínculo do coro coa súa terra revivindo aquel fito memorable para o Orfeón que foi a súa actuación no Centro Galego de Madrid o pasado Día de Santa Cecilia. Tamén falou a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, acompañada por boa parte da corporación municipal; o propio autor do poema,… Incluso contaban coa presenza do recén nomeado presidente da FECOGA, José Ramón Mansilla, director do Orfeón Valdeorrés e da Capilla de la Divina Comedia, que non quixo perder a ocasión para felicitar ao Orfeón.
Tampouco faltaron os agasallos, entre eles o ramo de flores que a directora, unha emocionada Sandra, recibía do seu propio pai… Nin a cea de compartían nas Maceiras, convertendo a xornada nun inesquecible momento que os triveses gardarán para sempre no seu corazón.

Fotos e vídeos cedidos.