Na fin de semana do 18 e 19 de outubro disputábanse as dúas últimas probas da liga galega de orientación a pé de 2025 na provincia da Coruña, unha no monte Enxa e outra de modalidade Sprint no “complicado mapa do centro urbano da localidade Porto do Son”, explican dende o Club Our-O que participaba con seis deportistas de distintas categorías, sendo Brais Rodríguez Cruz quen destacaba sobre o resto subindo ao segundo chanzo do podio na carreira Sprint na categoría M-14 e “asegurando o título de campión 2025 para esa modalidade”.

Nas carreiras de distancia media disputadas pola mañá, os irmáns Rodríguez obtiñan senllos 4º postos nas súas respectivas categorías, Brais en M-14 e Mauro en Iniciación Curta.

De cara aos vindeiros meses, o 13 de decembro celebrarase en Cangas de Morrazo o Campionato de Substitucións e a continuación realizarase a Gala de Premiación 2025, onde algúns dos deportistas do club valdeorrés recibirán o recoñecemento ao esforzo realizado durante toda a tempada.

Desde Ouro-O aseguran estar “moi contentos no noso primeiro ano de competición federada”, agardando que máis nenos da comarca se animen a participar con eles nas próximas tempadas.

Fotos cedidas.