
“A Xunta de Galicia incrementará nun “4,12 % en 2027 os orzamentos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, ata os 732,2 millóns de euros, dos que 27 millóns destinaranse a rematar e equipar novo edificio de hospitalización de doce plantas e outras obras no Hospital Universitario de Ourense”, segundo sinala a Consellería de Sanidade.
O investimento nas obras de ampliación do Universitario de Ourense é a maior partida no capítulo de investimentos, ao que se destinan 24,3 millóns de euros a construción do novo edificio e 1,7 millóns para o equipamento. Ao Universitario de Ourense tamén se destinan 600.000 euros para a humanización de espazos hospitalarios, cunha actuación específica na sala de Oncoloxía, destinada á mellora das instalacións nas que se atende aos pacientes.
No ámbito da saúde mental, tamén está prevista a ampliación das camas de hospitalización de agudos, no marco do Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia, así como melloras na climatización do hospital de Piñor, cunha dotación de 400.000 euros.
Novo Centro Integral de Saúde do Carballiño
Os orzamentos, segundo destaca o Sergas, tamén reservan un millón de euros para avanzar no proxecto do novo Centro Integral de Saúde do Carballiño, dentro dunha dotación de 3,35 millóns destinada a cinco actuacións de atención primaria, que inclúen os centros de Ourense, Boborás, Muíños e Montederramo.
Ademais do investimento no Carballiño, os orzamentos reservan 600.000 euros para avanzar no Centro Integral de Saúde de Ourense, e de 600.000 euros para facer posible a construcción do centro de saúde de Montederramo. Asemade impleméntase a continuidade das obras, actualmente en execución, dos centros de saúde de Boborás, cunha dotación de 620.000 euros, e Muíños, con 530.000 euros.
O Hospital Público de Verín contará con 1,7 millóns de euros
Os orzamentos de 2027 destinan 1,7 millóns de euros a obras e equipamento no Hospital Público de Verín, “co obxectivo de continuar coa mellora das súas instalacións e recursos asistenciais”, asegura o Sergas.
Deste presuposto, 1,3 millóns de euros corresponden a actuacións de mellora das infraestruturas do centro hospitalario. Ademais, está prevista a adquisición dun novo mamógrafo, cun investimento de 393.250 euros, que permitirá renovar o equipamento destinado á realización de exploracións mamográficas neste hospital comarcal.
Financiamento da actividade asistencial e dos gastos de persoal
O orzamento global de 732,2 millóns de euros abrangue tanto os investimentos en infraestruturas como os recursos necesarios para manter o funcionamento dos hospitais e centros de saúde da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.
“A dotación prevista permitirá desenvolver os incrementos retributivos previstos en persoal, así como garantir o funcionamento de todos os centros sanitarios públicos da provincia, dos seus tres hospitais públicos, 14 puntos de atención continuada e do máis dun centenar de centros de saúde, así como a adquisición de medicamentos, material sanitario, implantes e probas de laboratorio. Igualmente, garante o financiamento das prestacións farmacéuticas, vía receita, e ortoprotésicas para toda a poboación da área sanitaria”, conclúe Sanidade.