OurenseÚltima hora

O OUFF 31 desprega a súa programación completa cunha potente Sección Oficial Internacional e o lanzamento do Bono 10+ dixital

A Sección Oficial Internacional consolídase cun 70% de estreas nacionais e catro pases por película para garantir que todo o público poida gozar dos grandes títulos do ano

 

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a presentación oficial da programación completa da 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival, que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro. O acto contou coa participación do equipo directivo e de programación do certame: Óscar Doviso (director artístico do festival), Marcos Vázquez (director técnico), Alberto González (programador), César Silva (asesor de programación) e Cristina Pascual (coordinadora da sección Xanela).

Unha Sección Oficial de competición con forte presenza de estreas

A Sección Oficial Internacional convértese no grande pilar do certame, destacando por un salto cualitativo e loxístico sen precedentes. O asesor de programación, Alberto González, salientou que a competición dá un salto significativo ao pasar «dun 35% a un 70% de estreas nacionais», explicando que o verdadeiramente complexo «non é facer un 100% de estreas, senón tela feito co nivel, coas credenciais e cos grandes nomes que traemos este ano».

González explicou ademais que, como novidade para evitar que ninguén quede sen entrada, a sección axusta a súa estrutura pasando de 12 a 10 películas en competición, pero aumentando a catro as proxeccións de cada título ao longo do festival.

Os 10 títulos competidores reúnen a autores galardoados en Cannes, Berlín, Venecia, Sundance e Tribeca:

  • Fjord – Cristian Mungiu (2026) · Estrea en Galicia. Sétima longametraxe do director romanés, gañadora da Palma de Ouro en Cannes 2026, protagonizada por Sebastian Stan e Renate Reinsve.
  • Historias paralelas (Parallel Tales) – Asghar Farhadi (2026) · Estrea en España. Novo traballo do dobre gañador do Óscar, nominado á Palma de Ouro en Cannes 2026, con Isabelle Huppert, Virginie Efira, Vincent Cassel e Catherine Deneuve.
  • Hold Onto Me – Myrsini Aristidou (2026) · Estrea en España. Premio do Público no Festival de Sundance 2026.
  • Dust – Anke Blondé (2026) · Estrea en España. Candidata ao Oso de Ouro na Berlinale 2026.
  • The Wolf, The Fox and The Leopard – David Verbeek (2025) · Estrea en España. Candidata a mellor longametraxe en Tribeca 2025.
  • Club Kid – Jordan Firstman (2026) · Estrea en Galicia. Nominada a Un Certain Regard en Cannes 2026, con Cara Delevingne e Diego Calva.
  • Amata – Elisa Amoruso (2025) · Estrea en España. Seleccionada nas Giornate degli Autori de Venecia, con Miriam Leone e Stefano Accorsi.
  • La casa de las mujeres (La maison des femmes) – Melisa Godet (2025) · Estrea en España. Protagonizada por Karin Viard e Laetitia Dosch.
  • Terra vil – Luís Campos (2025) · Estrea en España. Drama portugués con Lúcia Moniz.
  • Nuda propiedad – Alberto Utrera (2026) · Estrea en Galicia. Comedia negra con Susana Abaitua, Maxi Iglesias e Pepe Viyuela.
  • Panorama Galicia: o talento propio e a expansión internacional

O cinema galego amosa a súa madurez na Sección Oficial Panorama Galicia. O asesor de programación César Silva destacou a apertura do audiovisual galego cara á coprodución exterior, sinalando que as tres películas de ficción a competición «son coproducións internacionais con países como Irlanda, Arxentina ou Portugal, o que demostra que o noso cinema se está a expandir e a procurar novas alianzas». Silva puxo tamén en valor a forte presenza feminina no certame, subliñando que catro dos sete títulos da sección están dirixidos por mulleres e que tres das cineastas repiten participación no OUFF.

 

 

      • A avó e o amor – Raul Veiga (2026) · Estrea mundial.
      • Kiro – María Yáñez (2026) · Estrea en Galicia. Documental sobre a diva da verbena Ana Kiro.
      • Walking Holiday – Cian Desmond e Jack Desmond (2026) · Estrea en España. Coa actriz Elena Seijo.
      • Guerrillero – Joan Gamero (2025-2026) · Estrea en Galicia. Premio ao mellor documental en varios certames internacionais.
    • A veces me entra tristeza, otras veces rebelión – María Aparicio (2026) · Estrea en Galicia.
    • Crías – Xiana do Teixeiro (2026) · Mellor longametraxe galega en Play-Doc 2026.
    • Alén dos silencios – Carmen P. Granxeiro (2025) · Documental sobre a memoria e a posguerra.
    • Inédito e Colleita: xoias sen distribución e recoñecemento á tempada

Ao redor das seccións paralelas, Alberto González debullou o crecemento de Inédito, explicando que a sección «elimina fronteiras e pasa a ter dous pases por película para ofrecer obras de altísimo nivel que non chegaron ás salas comerciais nin sequera nos seus países de orixe». Esta sección ofrece un percorrido por obras de autores consagrados e novos talentos internacionais que destacan pola súa orixinalidade, rigor e valentía narrativa:

  • Napoli New York – Gabriele Salvatores (2024) · Estrea en España. Guión inédito de Federico Fellini, premio David di Donatello, con Pierfrancesco Favino.
  • The Man I Love – Ira Sachs (2026) · Estrea en Galicia. Protagonizada polo gañador do Óscar Rami Malek.
  • Iron Boy – Louis Clichy (2026) · Estrea en Galicia. Premiada nos festivais de Cannes e Annecy 2026. La conspiración del cuervo – Kasia Adamik (2025) · Estrea en Galicia. Con Lesley Manville e Tom Burke.
  • Día de caza – Pedro Aguilera (2026) · Con Rossy de Palma, Carmen Machi e Blanca Portillo.

Pola súa banda, César Silva remarcou que a sección Colleita permite á cidadanía recuperar na pantalla grande algunhas das películas máis celebradas da tempada con vinculación ao Ourense Film Festival e que demostran a madurez e diversidade do noso cinema:

    • Onte á noite conquistei Tebas – Gabriel Azorín (2025) · Rodada en Bande (Ourense), premiada no Festival de Venecia e na Seminci.
    • Así chegou a noite – Ángel Santos (2025) · Mellor Director no Festival de Gijón.
    • La silla – Ángel de la Cruz (2026) · Thriller protagonizado por Jaime Lorente.

Fóra de Serie e o Ciclo Agarimo

A sección Fóra de Serie levará ao Teatro Principal os avances de importantes producións de ficción televisiva. O director técnico do OUFF, Marcos Vázquez, amosouse moi satisfeito polo acordo con Atresmedia, destacando que «é a primeira vez que a cadea participa no festival e farao presentando o avance da serie Las hijas de la criada, baseada na novela de Sonsoles Ónega, coa visita confirmada das actrices Carlota Baró e Martina Cariddi». Vázquez anunciou ademais que a Televisión de Galicia estreará no marco do festival o primeiro capítulo da agardada serie Clínica Miranda, dirixida por Simón Casal.

Pola súa banda, o ciclo Agarimo conmemorará o 120º aniversario do nacemento de Billy Wilder no Cine Ponte Vella. Alberto González detallou que se exhibirán de balde e en rigorosa orde cronolóxica cinco das súas grandes obras mestras dos anos 50: El crepúsculo de los dioses, El gran carnaval, Testigo de cargo, Con faldas y a lo loco e El apartamento.

Xanela: o escaparate de proxectos e futuro do audiovisual

A coordinadora da sección Xanela, Cristina Pascual, explicou que este espazo naceu co obxectivo de «dar visibilidade, valor e entidade propia a proxectos en proceso de desenvolvemento (work in progress) e novos formatos audiovisuais que representan o futuro da nosa creación». Pascual convidou a toda a cidadanía e aos profesionais do sector a achegarse á Cafetería Ceres 1894 ás 12:00 horas para conversar cos seus creadores e coñecer de preto proxectos como Jürgenson Frequency (Rubén Méndez), O asasino do pelo roxo (Inés Pintor), Sesiones sumergidas (David Casas Dorribo) e Aquagym (Iria Sobrado).

Cine Familiar e o Ciclo ‘Amal en Ruta’

O director artístico, Óscar Doviso, puxo en valor o acordo alcanzado co Centro Comercial Aberto Ourense Centro para o Cine Familiar, explicando que os comercios asociados distribuirán entradas dobres gratuítas para que os máis pequenos e as súas familias poidan desfrutar no Auditorio Municipal do filme de animación Los guardianes del diente mágico.

Pola súa parte, César Silva presentou o ciclo Amal en Ruta, organizado en colaboración coa Fundación Araguaney, que ofrecerá no Cineclube Padre Feijoo ás 12:00 horas un conxunto de cinco películas e documentais centrados na realidade de Palestina.

Toda a información sobre horarios, sedes e venda de entradas xa está dispoñíbel na web oficial (www.ouffestival.gal).

 

 

Chega o Bono 10+ dixital: 10 películas teñen premio

Unha das grandes novidades desta edición é a dixitalización do Bono 10+ ademais da tarxeta física que xa se empregou na pasada edición. Óscar Doviso explicou que o público poderá descargar a súa tarxeta dixital directamente no móbil (en aplicacións tipo Wallet) escaneando os códigos QR dispoñíbeis na web e nas sedes do festival. Doviso indicou que «ao presentar a tarxeta no acceso a cada pase das seccións oficiais iranse sumando puntos e, ao acadar os 10, a tarxeta mudará de cor automaticamente para converterse na entrada directa para a película sorpresa, que se proxectará o xoves 8 de outubro ás 20:00 horas no Teatro Principal».

Así mesmo, o director artístico lembrou que todas as entradas atópanse xa á venda en Ataquilla e Galicine, recomendando reservar con présa as prazas gratuítas para a proxección de homenaxe a Javier Gutiérrez (La hija), dada a limitación de aforo.

Uxía Blanco, galardoada co Premio Honorífico AISGE do 31 OUFF

No apartado de galardóns, Óscar Doviso fixo público o outorgamento do Premio Honorífico AISGE á célebre actriz galega Uxía Blanco. Doviso destacou o recoñecemento a unha carreira brillante no teatro, na televisión (Mareas vivas, As leis de Celavella) e no cinema, onde Blanco encarnou o nacemento do audiovisual galego moderno ao protagonizar Sempre Xonxa (1989). O premio seralle entregado pola delegada de AISGE en Galicia, Isabel Blanco, no transcurso da Gala de Inauguración o vindeiro venres 25 de setembro no Auditorio Municipal.

Back to top button