O OUFF · Ourense Film Festival inaugurou este venres a súa 31ª edición cunha gala chea de ritmo, emoción e participación, celebrada no Auditorio Municipal de Ourense e conducida polo actor e presentador Rafa Durán. Durante máis dunha hora, o público gozou dunha proposta escénica que combinou tradición, humor, música en directo e a entrega de varios dos galardóns máis emblemáticos do certame, o Premio Chano Piñeiro para José Manuel Lorenzo, o Premio AISGE para Uxía Blanco e a Calpurnia de Honra para Javier Gutiérrez.
Comezou así unha edición onde o bo cine volve ser protagonista. Como dixo Óscar Doviso, director artístico do festival, «volvemos traer a Ourense historias de diferentes lugares do mundo, novas voces e diferentes maneiras de entender o cine. Películas que nos farán rir, emocionarnos, sorprendernos e tamén, como non podía ser doutro xeito nun festival coma este, pensar».
No seu discurso inaugural, Doviso destacou a acollida dun festival que conta xa 31 ediciones. «O OUFF non quere ser só un lugar onde se proxectan películas. Queremos que sexa un lugar onde sucedan cousas. Onde se produzan encontros, onde nazan proxectos, onde os profesionais compartan experiencias e onde o público sinta que forma parte de algo”.
Música, concursos e humor
A gala comezou coa entrada da Real Banda de Gaitas, acompañada dun remix do DJ John Axiom, que encheu o auditorio dunha atmosfera festiva e identitaria. Tras a apertura musical, Rafa Durán deu a benvida ao público, agradeceu a presenza das institucións e dos equipos das películas e anunciou os premios e seccións protagonistas da noite, ademais de presentar oficialmente a película inaugural.
Un dos elementos máis celebrados da gala foron os dous concursos Trivial OUFF, nos que o público participou desde os corredores do auditorio. As preguntas, centradas nas seccións de películas do festival, reforzaron o carácter participativo da gala e a complicidade entre o presentador e os asistentes.
O humor tamén tivo un papel destacado cun sketch protagonizado por Rafa Durán e Óscar Doviso, que recrearon unha escena de “coaching cinematográfico” con guiños ao universo audiovisual do festival, confeti e referencias icónicas que provocaron risas e aplausos entre o público.

Entrega dos premios honoríficos
A parte institucional da gala incluíu a entrega de tres recoñecementos fundamentais. O Premio Chano Piñeiro, presentado por Lucía Veiga e Daniel Grao, foi recollido por José Manuel Lorenzo, que dedicou unhas palabras ao público desde o atril. E o Premio AISGE, anunciado por Isabel Blanco, foi entregado a Uxía Blanco, que aproveitou a ocasión para reivindicar o papel do audiovisual en galego.
A entrega da Calpurnia de Honra foi, sen dúbida, un dos momentos máis emotivos da gala. A actriz María Vázquez saíu ao escenario visiblemente emocionada para destacar a traxectoria, o compromiso e a humanidade de Javier Gutiérrez, subliñando o vínculo especial que o intérprete mantén con Galicia e co festival. A súa intervención, cálida e sincera, foi recibida cun forte aplauso por parte do público do Auditorio Municipal.
Pola súa banda, Javier Gutiérrez recolleu o galardón entre ovacións e expresou a súa profunda gratitude ao OUFF, á cidade de Ourense e ao público que o acompañou ao longo da súa carreira. O actor compartiu un discurso cheo de afecto, lembrando a importancia da cultura e do cinema como espazos de encontro e memoria, e recoñeceu o valor de recibir un galardón que honra a súa traxectoria nun festival ao que se sente especialmente unido. A súa emoción e cercanía converteron este momento nun dos máis celebrados da noite.

A música de Guille Galván, protagonista da noite
A gala contou cun momento musical destacado coa actuación de Guille Galván, compositor, letrista e membro de Vetusta Morla, que interpretou varias pezas nun formato íntimo e coidado. A súa presenza reforzou a dimensión artística da gala e conectou coa identidade musical que o OUFF incorpora cada ano ás súas cerimonias.
A presentación de Las ciegas hormigas (Inurri itsuak)
Tras o sketch e os concursos, o director Igor Legarreta e o actor protagonista Urko Olazabal subiron ao escenario para presentar Las ciegas hormigas (Inurri itsuak), a película inaugural desta edición. Acompañados polo produtor executivo Pablo Barinaga, membro do xurado, compartiron impresións sobre a adaptación da novela homónima de Ramiro Pinilla e sobre a recente estrea do filme no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, dentro da sección Zinemira.
Un inicio á altura do #OUFF31
Coa gala inaugural, o OUFF reafirmou o seu compromiso cun modelo cultural aberto, participativo e multidisciplinar, no que o cinema dialoga coa música, o humor e a memoria.
