
O Ourense Film Festival (OUFF) continúa avanzando na presentación da súa 31ª edición, que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro de 2026. Hoxe dá a coñecer as películas que formarán parte da sección Agarimo, dedicada este ano ao cineasta Billy Wilder no 120 aniversario do seu nacemento.
O festival xa adiantara en marzo que Agarimo rendería homenaxe a Billy Wilder, un dos directores e guionistas máis influentes da historia do cinema internacional. Esta sección, creada para recoñecer figuras inesquecibles desde unha perspectiva afectuosa e de gratitude, celebrará o legado dun autor cuxas obras continúan a marcar xeracións de cineastas e espectadores.
Cinco obras imprescindibles pasarán por Ourense
O OUFF confirma agora os cinco títulos que compoñen este ciclo especial, unha selección centrada na década dos anos 50, un período extraordinario na carreira de Wilder, no que asinou algunhas das súas obras máis icónicas. O ciclo comeza en 1950 con El crepúsculo de los dioses e remata en 1960 con El apartamento, permitindo seguir a evolución creativa do director ao longo dunha década decisiva.
As películas proxectaranse en orde cronolóxica, para que quen desexe ver o ciclo completo poida facelo seguindo a progresión natural da súa filmografía. Todas as proxeccións serán gratuítas e poderán verse en versión orixinal subtitulada en castelán nas salas do centro comercial Ponte Vella.
As películas da sección Agarimo son:
– El crepúsculo de los dioses (1950).
– El gran carnaval (1951).
– Testigo de cargo (1957).
– Con faldas y a lo loco (1959).
– El apartamento (1960).
Un legado inesquecible
Ao longo da súa carreira, Billy Wilder gañou sete premios Óscar: dous por Días sin huella, un por El crepúsculo de los dioses, tres por El apartamento e un Óscar honorífico en 1988. A súa filmografía, marcada por diálogos brillantes e unha visión lúcida da sociedade estadounidense, deixou títulos tan recoñecibles como Con faldas y a lo loco (que veremos no OUFF e que tamén serve de guiño para conmemorar o centenario do nacemento de Marilyn Monroe) ou Sabrina, que continúan a influír xeracións de cineastas e espectadores.
Agarimo naceu como unha sección destinada a recoñecer figuras relevantes do cine e da cultura, homenaxeando na súa primeira edición, no 2025, a Angela Lansbury e Carmen Martín Gaite. Agora o ciclo continuará coa figura inolvidable de Wilder.