OurenseÚltima hora

O OUFF baixa o pano da súa 31º edición, marcada polo talento e a emoción, nunha gala moi especial e chea de premios

Club Kid e KIRO eran as gañadoras das Calpurnias das Seccións Oficial Internacional e Panorama Galicia. A gala homenaxeou a traxectoria de Charo López e recoñeceu a "El Mal Hijo" de Jaime Lorente co Premio Ópera Prima

 

O cinema, o recoñecemento ao talento e a emoción protagonizaban a gala de clausura do 31º OUFF · Ourense Film Festival, na noite do 3 de outubro. A cerimonia congregaba a un numeroso público no Auditorio Municipal de Ourense, tamén a profesionais do mundo audiovisual e premiados da edición nun acto que serviu para celebrar unha semana de cine e encontros.

Os presentadores foron a xornalista Noelia Rey e o presentador Luis Larrodera, que levaron os mandos dunha gala dirixida novamente por Iván Iglesias, e con vestiario de Adolfo Domínguez. A cerimonia percorreu o palmarés desta edición a través das diferentes entregas de premios e contou tamén con actuacións, homenaxes e intervencións que converteron a noite nunha celebración do audiovisual e das persoas que o fan posible.

A gala comezou co percorrido polos premios da Sección Oficial Panorama Galicia. O primeiro recoñecemento da noite foi o Premio á Mellor Interpretación, que recaeu na ourensá Elena Seijo por Walking Holiday e que foi entregado por Adriana Páramo, representante de CIMA. A continuación, entregouse o Premio ao Mellor Guión, tamén para Walking Holiday, que foi recollido polo seu guionista, o irlandés Cian Desmond, de mans de Luis Iglesia, representante de AISGE.

A seguinte parada no palmarés foi o Premio á Mellor Curtametraxe Panorama Galicia, para Baja la marea, do director Óscar Villarroya, que recibiu o galardón de mans de Nani Matos. Despois chegou o Premio á Mellor Curtametraxe Internacional, que recoñeceu Vital, de Amir Zargara, e que entregou a actriz Carla Nieto.

O bloque inicial da gala pechouse co Premio á Mellor Dirección Panorama Galicia, para María Aparicio por A veces me entra tristeza, otras veces rebelión. A directora arxentina, presente na gala, recolleu o galardón de mans de Ariadna Silva, representante de CREA.

Foi entón cando a gala fixo unha pausa na entrega de premios para dar paso á intervención de Óscar Doviso, un dos momentos destacados desta clausura. «Pasaron moitas películas. Pasaron cineastas, actores, actrices, produtores, estudantes, profesionais e espectadores. Pasaron encontros, conversas, risas, emocións e tamén algunha que outra discusión arredor dunha película. E pasou algo que para nós é aínda máis importante: volvemos facer comunidade arredor do cine». E engadiu: «tivemos algo que para min é fundamental: un público que participou, que encheu as salas, que preguntou, que opinou e que fixo seu o festival. Mentres haxa historias que contar, persoas dispostas a contalas e espectadores dispostos a escoitalas, teremos unha razón para seguir aquí».

A continuación chegou o Premio Ópera Prima para Jaime Lorente pola súa película El mal hijo. O galardón foi entregado pola actriz Irene Esser, nun momento que incluíu tamén unha breve conversa con Jaime Lorente e un agradecemento emocionado do actor e director do filme.

A gala retomou entón o percorrido polo palmarés coa Sección Oficial Internacional. O primeiro premio deste bloque foi o Premio Carlos Velo á Mellor Dirección, que recoñeceu a Myrsini Aristidou por Hold Onto Me e que foi entregado por Luis Velo.

A continuación, entregouse o Premio á Mellor Interpretación, para Jessica Reynolds por The Wolf, the Fox & the Leopard. A actriz irlandesa viaxou a Ourense para recoller o galardón, que lle entregou Federica Sabattini, membro do Xurado Internacional. E o Premio ao Mellor Guión, para Cristian Mungiu por Fjord, foi entregado por outros dous rostros coñecidos, Candela Serrat e Dani Muriel.

 

 

O bloque competitivo da Sección Oficial Internacional continuou co Premio Especial do Xurado, concedido a La Maison des femmes (La casa de las mujeres), e entregado por Fernando García. A gala abriu entón un dos seus momentos máis especiais coa actuación do grupo Escuchando Elefantes, que conseguiu emocionar ó Auditorio de Ourense coa interpretación de dous temas.

A actuación deu paso á entrega do Premio Especial OUFF a Charo López, en recoñecemento á súa traxectoria. O galardón foi entregado por Francis Lorenzo, nun momento que incluíu tamén as palabras do actor e o discurso da homenaxeada, moi feliz e emocionada por un recoñecemento a toda unha vida como intérprete.

Na recta final da gala chegaron os Premios do Público. O primeiro foi o Premio do Público Panorama Galicia, para KIRO, que entregou Laura González, directora de Abanca Ourense Centro. E o Premio do Público Internacional recaeu en La Maison des femmes (La casa de las mujeres), e foi entregado por José Luis Rodríguez, delegado de Estrella Galicia en Ourense.

Tras estes recoñecementos, tomou a palabra Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, nun dos momentos institucionais da clausura. Menor subliñou o «éxito de participación, de público e de programación» desta 31ª edición, destacando que «Ourense quere cine, sabe facer cine e sabe acoller o cine». Durante o seu discurso na gala de clausura, reafirmou o firme compromiso da institución provincial co certamen: «Cada vez que crece o OUFF, crece tamén a proxección de Ourense. Non entendemos o apoio á cultura como un gasto, senón como unha inversión na nosa identidade, na nosa economía e na imaxe que queremos proxectar no exterior». O presidente quixo ademais felicitar a todos os premiados e agradecer o traballo da organización e do público, concluíndo que «o OUFF ten presente, ten futuro e, sobre todo, ten a toda unha provincia detrás».

Xa na parte final da noite chegaron as dúas Calpurnias ás Mellores Películas, os máximos galardóns do festival. A primeira foi a Calpurnia á Mellor Película Panorama Galicia, que recaeu en KIRO e que foi entregada pola xornalista Amalia Enríquez, do xurado de Panorama Galicia. A filla da propia Ana Kiro, María del Carmen Quiroga, subiu ao escenario para recoller o galardón.

Como peche do palmarés da 31ª edición, entregouse a Calpurnia á Mellor Película da Sección Oficial Internacional para Club Kid, de Jordan Firstman. O galardón foi entregado por Ana Alvargonzález, presidenta do xurado.

 

 

Coa despedida dos presentadores Noelia e Luis, a gala chegou ao seu final e deu paso á proxección de El mal hijo, pechando oficialmente a 31ª edición do OUFF. A clausura puxo así o punto final a unha edición na que o cinema volveu ser un espazo de encontro, celebración e descubrimento. Unha gala moi especial, cunha marcada compoñente emotiva, que serviu para recoñecer o talento das películas e profesionais premiados e para celebrar, xunto co público, unha nova edición do Festival de Cine Internacional de Ourense.

As películas premiadas exhibiranse mañá no Teatro Principal. Ás 11 horas será o turno de KIRO, gañadora da Calpurnia á Mellor Película da Sección Oficial Panorama Galicia, e pola tarde, ás 17:30 horas, será a quenda de Club Kid, Calpurnia á Mellor Película da Sección Oficial Panorama Galicia. A película correspondente ao Premio do Público Internacional, La Maison des femmes (La casa de las mujeres), poderá verse de novo o día 8 de outubro, ao igual que a película sorpresa á que se accede co Bono 10+.

Fotos cedidas.

Back to top button