
O OUFF · Ourense Film Festival vén de presentar este 11 de xuño os detalles dunha das grandes apostas para a súa 31ª edición: unha homenaxe total ao universo de J.R.R. Tolkien co gallo do 25º aniversario da estrea cinematográfica da triloxía de El Señor de los Anillos.
Á presentación asistía Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, Óscar Doviso, director artístico do OUFF, e Alba Polo, responsable de Júpiter Juegos, establecemento que será o encargado, como o ano pasado, das visitas guiadas.
O eixo central desta celebración será a exposición Terra do Anel – Unha viaxe entre reinos, que abrirá as súas portas do 17 de setembro ao 1 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O director artístico do Ourense Film Festival, Óscar Doviso, adiantou que será unha mostra na que os visitantes poderán atopar estatuas, pezas a gran escala, dioramas, armaduras e moitas outras réplicas orixinais dos elementos empregados na triloxía de Peter Jackson. “Estas películas unen xeracións e, a pesares de que se estrearon fai 25 anos, aínda están vixentes nos nosos días. Proba diso é a mención que fixo o Papa León XIV na súa encíclica citando a Gandalf ou o feito de que se vaia estrear unha secuela deste universo o vindeiro ano”, comentaba Doviso.
Así, o OUFF · Ourense Film Festival busca abrir o universo de Tolkien ao público ourensán e repetir o éxito da exposición Making Movies da edición pasada, pola que pasaron máis de 6.500 persoas. Según Doviso, «o público ten fame por achegarse a estes grandes filmes que marcaron xedracións».

O presidente provincial, Luis Menor, participa na presentación da vindeira exposición organizada polo OUFF, no Liceo Recreo Ourensán, acompañado de Oscar Doviso (Director do OUFF) e Alba Polo Reverter (Empresa Júpiter Ourense) e responsable das visitas guiadas da Exposición..
Visitas guiadas con sorpresas
Un dos éxitos da exposición da edición do 2025 foron as visitas guiadas a cargo do persoal de Júpiter Juegos, establecemento especializado en xogos de mesa, de rol, de estratexia, recreacións, xoguetes e regalos. Alba Polo, responsable deste negocio, sinalou que «desde Júpiter Juegos vamos a darlo todo para que venga todo el mundo: tanto los fans más fieles como aquellas personas que aún no han entrado en el universo de El Señor de los Anillos. Tendremos teatralizaciones y algo más… ¡ahí lo dejo! El resumen es que no dejaremos indiferente a nadie».
Alba Polo tamén agradeceu ao Ourense Film Festival que volveran a contar con eles, que levan anos traballando para «abrir la cultura friki a todo el mundo con humor y nuestro sello personal», polo que esta exposición pode ser a oportunidade de ouro para achegar o universo da triloxía a todo tipo de público.
Júpiter Juegos será o encargado de organizar a reserva de prazas para as visitas guiadas, que estarán dispoñibles dende a inauguración da exposición, o vindeiro 17 de setembro.

A música de Howard Shore en formato sinfónico
A experiencia completarase cos eventos OUFF Film Symphony, dúas citas musicais que nos recordarán a grandiosidade das cancións da triloxía de El Señor de los Anillos. Baixo a batuta de José Luis Tielas, a Xove Orquesta Ourensanía —a primeira formación sinfónica estable da cidade— unirase a un gran coro para ofrecer dous concertos únicos dedicados de xeito íntegro á oscarizada banda sonora de Howard Shore.
Estas citas musicais de gran formato terán lugar no Auditorio de Ourense o 26 de setembro e no Auditorio de Verín o 3 de outubro, e ambos arrancarán cunha lectura interpretada inicial que introducirá ao público na narrativa épica da obra. No caso do concerto de Verín, a entrada terá un custo de 10 euros que serán destinados a colaborar coa Asociación Contra o Cancro, a Cruz Vermella, Portas Abertas, Cáritas e FEMURO.
Unha decidida aposta da Deputación pola cultura
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, subliñou que esta exposición exemplifica o modelo cultural polo que aposta tanto a institución provincial como o OUFF · Ourense Film Festival: «unha cultura de calidade, aberta e participativa, capaz de atraer tanto ao gran afeccionado ao cinema como ás familias que buscan unha experiencia diferente para compartir».
Menor lembrou que o Ourense Film Festival, «é unha marca cultural viva durante todo o ano, unha ferramenta para dinamizar a provincia, atraer visitantes e facer que Ourense respire cinema os doce meses». Tamén destacou a importancia de impulsar iniciativas que estenden o espírito do festival máis aló das súas datas habituais, como esta mostra ou os concertos da OUFF Film Symphony, co obxectivo de que o Ourense Film Festival «estea presente permanentemente na vida cultural da provincia e que cada vez inclúa a máis xente, superando aos 16.000 asistentes que tivemos o ano pasado».
Recuperando unha cita de Gandalf, Menor sinalou que «non nos corresponde decidir os tempos nos que vivimos, senón que facer co tempo que se nos concede». E, dende a Deputación de Ourense, saliéntase que nestes tempos a súa aposta decidida é que a provincia non sexa un páramo cultural: «eu creo no festival, na cultural, na liberdade creativa e na cultura viva e permanente», destacou Menor.
Con esta programación, o OUFF · Ourense Film Festival quenta motores para a súa 31ª edición, que se celebrará entre o 25 de setembro e o 4 de outubro, consolidando a Ourense como un referente cultural capaz de atraer tanto a cinéfilos como a amantes da literatura e a música sinfónica.

