OurenseÚltima hora

O OUFF presenta a nova edición de Fas Muvis, o concurso para novos talentos do audiovisual

Equipos formados por mozos e mozas menores de 30 anos rodarán en 48 horas unha curta cuxo relato estará relacionado coa cidade de Ourense. Contarán con 600€ de orzamento para realizar a peza e poden optar a un premio final de 600€

 

O Ourense Film Festival (OUFF) abre o prazo para a presentación de proxectos do concurso Fas Muvis, unha iniciativa destinada a mozos e mozas menores de 30 anos. O festival busca promover aos novos talentos cun reto, rodar unha curta en 48 horas cuxo relato teña relación coa cidade de Ourense, con outras 96 horas para a montaxe. Con esta premisa, ata 6 equipos formados por 6 persoas percorrerán a cidade durante as datas do festival para facer realidade o proxecto.

O proxecto pode ser unha curta de ficción, documental ou reportaxe a para facela contarán cun orzamento de 600€ outorgado pola Deputación de Ourense. Unha vez realizadas, estas curtas poden optar a un premio de 600€ da man do xurado de Fas Muvis e outro premio de 300€ para a segunda mellor valorada por este xurado. As mellores curtas proxectaranse na gala de clausura do OUFF e posteriormente subiranse á canle de Youtube de Fas Muvis, onde se poden ver as curtas doutras edicións.

A data límite de entrega de propostas será o 15 de setembro ás 20h no correo fasmuvis@gmail.com e a lista de seleccionados farase pública o día 16 de setembro. As bases do concurso poden consultarse na páxina web do festival.

Back to top button