
O OUFF · Ourense Film Festival presentou esta tarde a súa 31ª edición nun acto institucional celebrado no Pazo de Vilamarín, que reuniu autoridades, patrocinadores, colaboradores, medios de comunicación e a parte do equipo do festival. Esta presentación marca o inicio institucional dunha edición que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro, e que chega cargada de novidades, contidos e recoñecementos, e serve para dar a benvida a unha nova edición chea de contidos para todos.
O evento comezou cunhas palabras de benvida e de agradecemento por parte de Marcos Vázquez, director da área de Cultura da Deputación de Ourense e director técnico do OUFF. Tras el, o director artístico do festival, Óscar Doviso, presentou as liñas principais da programación deste ano, subliñando a diversidade de actividades, a aposta pola memoria cinematográfica e a expansión territorial do festival. Trala proxección dun vídeo no que se puido ver un avance dalgunhas das pezas, e o agradecemento aos colaboradores, pasou a presentar os membros do xurado da 31ª edición.
Doviso presentou os equipos de xurado das súas tres seccións oficiais —a Sección Oficial Internacional, a Sección Oficial Panorama Galicia e a Sección Oficial de Curtametraxes— conformados por profesionais de referencia no ámbito audiovisual nacional e internacional e que “representan diferentes profesións dentro da industria cinematográfica”. A selección de perfís combina traxectorias consolidadas, especialización técnica e voces creativas que representan a diversidade do sector.

Na Sección Oficial Internacional, a actriz italiana Federica Sabatini achega a súa traxectoria en títulos como Suburra, Toy Boy ou Prophecy, ademais da mitica serie Don Matteo. O produtor Pablo Barinaga suma a súa experiencia en grandes proxectos internacionais para Netflix, Disney+ e Amazon Prime Video. A actriz e dramaturga Marta Belenguer incorpora unha carreira marcada por series icónicas como Camera Café e pola súa candidatura ao Óscar pola curta 7.35 de la mañana. O deseñador de vestiario Fernando García, gañador de dous Goya, e a directora de arte Ana Alvargonzález, recoñecida con premios Goya e Gaudí e colaboradora en Juego de tronos, completan un equipo de alto nivel técnico e creativo.
Na Sección Oficial Panorama Galicia, o xurado está presidido por Francis Lorenzo, figura histórica da ficción española e unha das caras máis coñecidas da interpretación. A xornalista Amalia Enríquez, membro da Academia de Cine e votante dos Óscar, achega a súa ampla experiencia en divulgación cultural. O actor e director de dobraxe Luís Iglesia, rostro esencial da ficción galega, suma a súa traxectoria en cine, televisión e dobraxe, como representante de AISGE. As cineastas Ariadna Silva Fernández, Premio Mestre Mateo, e Adriana Páramo, directora e investigadora con recoñecemento internacional, representan a nova xeración de creadoras galegas, e exercerán de representantes de CREA e de CIMA, respectivamente.
Na Sección Oficial de Curtametraxes, a actriz Chacha Huang destaca pola súa presenza en La casa de papel, Zorro e Xiao Xian. Carla Nieto achega unha sólida carreira en cine e televisión en España e México. O actor e cineasta Nani Matos completa o equipo coa súa experiencia en series como Fariña e co seu traballo como director de curtametraxes.

Doviso destacou que neste 31 OUFF hai “un sinfin na que teñen cabida persoas con diferentes inquedanzas culturais e cinematográficas, xa que atoparán seguro algún oco para eles”. Asegurou que dende a organización están “moi felices e motivados porque este ano damos un pasiño máis cara o nacional e comezamos a ter moito feedback de interese dende fora de Galicia”.
Trala intervención dos directores do festival, en representación da Xunta de Galicia, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, subliñou que o encontro audiovisual ourensán é o evento das súas características máis lonxevo de cantos teñen lugar na nosa Comunidade, e que encara unha nova edición como a gran cita galega de carácter competitivo. “Sitúase, despois de ter superado tres décadas, como festival de referencia na promoción do cine galego e español, ademais de abrir unha fiestra á mellor e máis recente produción internacional”, expresou.
Tamén valorou de xeito moi positivo a colaboración público-privada que o fai posible, así como o compromiso continuado coa promoción do audiovisual galego, tanto no seu conxunto como mediante a difusión dos traballos individuais dos cineastas do país.
A continuación, Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia, tomou a palabra para pór en valor a colaboración de Turismo de Galicia no Ourense Film Festival e destacou que “tamén é promoción turística”, ao considerar que “a cultura é unha das grandes motivacións para viaxar”. Ademais, subliñou “que o cinema ten unha especial capacidade para amosar e contar un territorio”.
Carmen Pita sinalou así o valor do OUFF como punto de encontro entre cultura, turismo e territorio, e que “o audiovisual contribúe a proxectar a nosa identidade cara ao exterior” e transformar esa imaxe de tradición pero tamén de modernidade “en oportunidades para o territorio”.
O acto concluíu coa intervención do presidente da Deputación de Ourense. Luis Menor, destacou que “o OUFF representa á perfección o tipo de iniciativas culturais que queremos apoiar desde a Deputación: proxectos de calidade que, ademais do seu valor cultural, xeran actividade, atraen talento, profesionais e visitantes e crean riqueza no territorio”.
Menor subliñou que “entendemos a cultura como un investimento e tamén como unha poderosa ferramenta de proxección exterior, e o OUFF contribúe de maneira decisiva a reforzar a marca Ourense, asociando o nome da provincia á creatividade, ao talento e a unha cultura de calidade”.

Tamén anunciou dous dos premios que terá esta edición, e que se suman a xa coñecida Calpurnia de Honra a Javier Gutiérrez. Trátase do Premio Especial OUFF que irá a Charo López, unha das actrices máis importantes e recoñecidas do país, “cunha carreira excepcional no cinema, no teatro e na televisión”, e o Premio Chano Piñeiro a José Manuel Lorenzo, unha das figuras máis relevantes do panorama audiovisual galego, cunha carreira decisiva para o desenvolvemento do sector. O presidente provincial puxo en valor os galardóns desta edición, destacando a relevancia destas dúas figuras.
Tralas intervencións, autoridades, patrocinadores e equipo do festival participaron nunha foto de familia. A xornada rematou cuns petiscos no propio Pazo de Vilamarín, que chegaron da man de Galicia Calidade, e que serviron como espazo de encontro entre profesionais, entidades colaboradoras e medios. Co acto de hoxe, o OUFF inicia oficialmente unha 31ª edición que reafirma o seu compromiso coa cultura, co audiovisual galego e coa proxección de Ourense como territorio cinematográfico.