
A V gala Daccultura que se celebra o 16 de abril no Teatro Colón da Coruña (ás 19 horas con acceso libre) será o escenario no que se entregará o XV premio Manuel Murguía de ensaio ao ourensán Xosé Manoel Núñez Seijas pola súa obra Galicia e a división azul.
Trátase dun texto contemporáneo que aborda a División Azul e a súa repercusión a través dun traballo de investigación e de arquivo. O xurado formado por Montse Fajardo, Rebeca Baceiredo, Heitor Picallo, Xurxo Martínez e a gañadora da edición anterior, Blanca Paula Rodríguez, destacou “a neutralidade na exposición do contido e a reflexión e conclusión final”. Ademais puxo en valor a linguaxe e estilo divulgativo e fluído, que facilita a lectura xunto cos documentos, ilustracións, gráficos e fotografías completan a información así como unha ampla bibliografía usada polo autor xunto cun emprego coidadoso da lingua nunha obra de gran interese.
O gañador
Xosé Manoel Núñez Seijas, catedrático de Historia Contemporánea na USC, é director da revista Studies on National Movements e forma parte do consello asesor e a redacción de revistas ibéricas e internacionais. As súas investigacións céntranse na historia comparada e transnacional dos nacionalismos e as identidades territoriais en Europa.
É a segunda vez que recibe o premio Manuel Murguía, a primeira foi en 2002 como coautor de As cartas do destino, escrita con Raúl Soutelo Vázquez.
Premio Manuel Murguía
O premio xorde en 1998 recoñecemento s a importancia da figura e a obra de Murguía como intelectual preocupado polo estudo e a dignificación e difusión da cultura e a historia de Galicia.
Este galardón, de carácter bienal está dotado con 6.500 euros e a publicación dá obra. Entre os galardonados Alfonso Gomis Rodríguez, Blanca Paula Rodríguez, Marcelino Agís Villaverde ou Sabela Taboada.
Premios Daccultura
En 2026 alcánzase a V edición do certame Daccultura que se celebrará este 16 de abril no Teatro Colón (A Coruña) nunha gala de acceso libre que comezará ás 19 horas.
O evento estará presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas. A actuación musical desta edición correrá a cargo de Caamaño & Ameixeiras.
No transcurso da gala tamén se entregarán os premios Torrente Ballester de Narrativa; o Castelao de banda deseñada, o Raíña Lupa de Literatura infantil e xuvenil; o González Garcés de Poesía; o Antonio Fraguas de Artesanía; o Fran Pérez ‘Narf’ de música; o Andrés Gaos de composición musical; o Jesús Núñez de Arte Gráfica; o Luís Ksado de creación fotográfica e o José Gil de guion.