Os alumnos de 1º e 2º de ESO do colexio Pablo VI-Fátima da Rúa participan no programa CARTAMIS, un intercambio epistolar co colexio francés Notre-Dame de la Providence. Unha iniciativa educativa que promove o intercambio de correspondencia física entre ambos centros.
A idea orixinal nacía de Ingrid Diéguez González, docente orixinaria de Freixido de Arriba (Larouco), que actualmente desenvolve o seu labor profesional no colexio francés participante. “Grazas á súa iniciativa e ao entusiasmo dos equipos educativos, este proxecto busca tender pontes entre culturas, emocións e xeracións, a través de algo tan sinxelo e valioso como unha carta, aseguran dende o Pablo VI, explicando que se desenvolve ao redor de tres grandes obxectivos.

O primeiro é recuperar a tradición do correo postal, fomentando o gusto pola escritura a man e o valor da espera fronte á inmediatez dixital. Tamén aposta por favorecer a aprendizaxe da lingua e a cultura francesa, achegando ao alumnado a un contexto real de comunicación con mozas da súa mesma idade; e utilizar a escritura como recurso terapéutico e emocional, ofrecendo un espazo de expresión persoal e de conexión humana a través das palabras.
A coordinación do programa corre a cargo dos Departamentos de Lingua Francesa, Lingua Castelá e Orientación de ambos os centros.

Fotos cedidas.