OurenseÚltima hora

O parque acuático de Monterrei, abre mañá as súas portas cun horario ininterrompido de 12 a 21 horas

 

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe o parque acuático de Monterrei, situado no Pereiro de Aguiar, que abre mañá as súas portas ata o 14 de setembro cun horario ininterrompido de 12 a 21 horas, todos os días da semana. No percorrido participaron tamén o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Na súa intervención, o conselleiro salientou a importancia desta instalación referente, que o ano pasado recibiu preto de 100.000 persoas usuarias, e anunciou o inicio das obras de dúas novas fases para o vindeiro mes de xullo. Licitadas por 1,8 millóns de euros e cun prazo de execución de oito meses, as obras serán financiadas pola Deputación de Ourense.

Segundo apuntou Diego Calvo, “isto significa que que o parque acuático de Monterrei seguirá medrando e en 2026 poderemos sumar a todos os seus reclamos dúas novas atraccións: catro tobogáns de caída libre en paralelo e un parque multiaventura con elementos de xogos, como tirolesas, cordas, circuítos en altura ou rocódromos”. Ademais destes elementos, prevese dotar o espazo lúdico que ocupan estas fases de orde e calidade, convertendo esta zona nun grande espazo de relación de convivencia, humanizando e naturalizando a contorna.

Cómpre lembrar que estas ampliacións se enmarcan no acordo de colaboración asinado a comezos de ano coa Deputación de Ourense, que garante o remate do parque acuático cun investimento de case 3,6 millóns de euros por parte da institución provincial. A achega destinarase á execución das tres fases que restan do proxecto ao longo do bienio 2025-2026. Deste xeito, o orzamento global desta área deportiva e de lecer ascenderá a preto de 13 millóns de euros, dos que nove foron sufragados pola Xunta.

 

 

Para garantir a prestación de todos os servizos durante esta campaña de verán contrataranse 43 persoas nas seguintes categorías: 19 socorristas, dúas enfermeiras, tres recepcionistas e outras 19 con funcións de mantemento e limpeza. As instalacións teñen unha cabida diaria de ata 2.500 persoas.

Renovación da pista de atletismo

Diego Calvo incidiu en que se trata dun proxecto que se segue a mellorar constantemente, como demostra que en xullo tamén comecen as obras de renovación da pista de atletismo cun orzamento de preto de medio millón de euros para conseguir a súa homologación pola Real Federación Española de Atletismo.

O parque acuático convértese así nun amplo complexo lúdico-deportivo onde se integran dúas zonas diferenciadas e complementarias. Por unha banda, unha zona deportiva con pista polideportiva, pistas de tenis, pádel, circuíto de cross e pista de pump track, executada nunha fase previa cun investimento por parte da Xunta superior ao millón de euros, e, por outra, o parque acuático, do que financiou integramente a primeira fase con 7,8 millóns de euros para a construción do edificio principal de servizos e accesos, unha zona acuática infantil, área de tobogáns e piscinas.

O conselleiro salientou tamén outros investimentos da Xunta en infraestruturas deportivas en Ourense, como a reforma do estadio do Couto, a mellora integral do pavillón dos Remedios ou a pista de atletismo de Expourense.

Back to top button