
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegábanse ata a aldea de Couso (Sarreaus) na tarde do 12 de xuño para participar na inauguración do Paseo da La 2026, que conta coa colaboración da Xunta. Este evento ten como obxectivo dar a coñecer os oficios vinculados á produción artesanal da la con denominación de orixe, entre os que se atopan pequenos produtores e profesionais dedicados ao procesado, ao fiado artesanal, ao tinguido e ao tecido destas fibras. Durante o evento, Gabriel Alén salientou a importancia das fibras naturais autóctonas —como é o caso da la da raza Ovella galega— e definiu o Paseo da La como un escaparate vivo para a posta en valor destas fibras, da artesanía consciente e do desenvolvemento rural.
O programa de actividades desta edición iníciase esta tarde cun desfile de moda protagonizado por prendas elaboradas con la —e entre as que destacan as elaboradas polo taller artesanal Logaro, un dos impulsores do evento— e a apertura da feira artesanal de marcas de la con denominación de orixe. O programa de faladoiros abrirase mañá ás 10,00 h., co titulado O secreto da ovella, onde Bea Seco do taller artesanal Si me da la lana falará sobre as propiedades da lanolina e da súa importancia en ámbitos como a cosmética. Ás 12,30 h. terá lugar o faladoiro Harris Tweed: oportunidades e problemáticas, a cargo da historiadora da arte Llara Fuente, que achegará unha visión académica e profunda sobre como a artesanía e o deseño poden revitalizar zonas rurais remotas tomando como exemplo o caso do famoso tecido escocés e a súa contribución ao mantemento sustentable dos ecosistemas culturais e territoriais.

Ás 16,00 h. terá lugar o faladoiro Historia da la: un percorrido pola tradición e a evolución do sector, a cargo de María Garaboa, da Universidade da Coruña, que explicará o papel da la en España e analizará como este material definiu territorios e economías. Mentres, ás 17,30 h., será a quenda de Delfín Feal, veterinario, gandeiro de Granja Feal e pertencente á Asociación de Criadores da Raza Ovella Galega (Asovega), que impartirá a charla Ovella galega: o fío que (debería) soster o noso rural. Mañá, 13 de xuño, conmemórase tamén o Día de tecer en público, polo que haberá un encontro de tecedeiros e tecedeiras aberto a calquera persoa afeccionada e abrirase a exposición técnica no pavillón da aldea.
O evento péchase durante a mañá do domingo 14, na que está prevista unha charla da Asociación IAIA, un referente nacional no uso da la como ferramenta de transformación social. A partir das 10,00 h. presentarán o seu proxecto de Lanoterapia, unha iniciativa que explora os beneficios psicolóxicos e emocionais de tecer.

Obradoiros abertos
As persoas que se acheguen mañá ata o Paseo da La poderán participar tamén nos obradoiros gratuítos e abertos a todo tipo de públicos dedicados á artesanía téxtil. En horario de 11,00 a 13,30 e de 16,00 a 20,00 horas, Peixesapop introducirá os visitantes nos teares de madeira circulares e rectangulares, convidando a nenos e adultos a “pintar con la”. De 16,30 a 20,00 h. está previsto o obradoiro Educar educarei, impartido por Alba Eirey, unha proposta que vincula educación, natureza e patrimonio téxtil.
O Paseo da La é un espazo de encontro no que conflúen pequenos proxectos emprendidos co obxectivo de reactivar producións locais da la e doutras fibras, nas que se controla o proceso de principio a fin e se contribúe a apoiar e reactivar o rural. A entrada é gratuíta e os horarios son, hoxe venres, ata as 21,30 h., mañá sábado de 10,00 a 14,30 h. e de 16,00 a 21,30 h., e o domingo de 10,00 a 14,00 h.
