
Esta fin de semana o pavillón municipal dos Remedios converterase no referente estatal da halterofilia coa celebración da edición número 55 do Campionato de España na categoría júnior masculina e feminina. O torneo reunirá a 140 deportistas procedentes de todo o país.
O salón de plenos do Concello acolleu a presentación oficial do torneo. No acto participaron o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira; a concelleira de Xuventude, Tamara Silva; o xefe do Servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o asesor de Política Deportiva da Deputación, Quique Álvarez; o presidente da Federación Galega de Halterofilia, David Losada, e a secretaria do Club Halterofilia Ourense, Andrea Montes.
Durante a presentación, David Losada sinalou que chegarán 140 deportistas de ata 20 anos de todo o país para competir polas medallas. A representación galega estará integrada por 10 deportistas (cinco mozas e cinco mozos) con opcións de podio en varias categorías.
A competición desenvolverase esta fin de semana na cancha central dos Remedios. O sábado desde as 9 ata as 20 horas, con tandas durante toda a xornada; e o domingo de 10 a 12:30 horas.