
A estreita vinculación entre os territorios da Raia revivíase nunha xornada especial de convivencia na pasada fin de semana coa celebración da Andaina do Contrabando. No Penedo dos Tres Reino, punto simbólico que une aos territorios de Galicia, Castela e León e Portugal; confluían as tres camiñatas que, baixo esa mesma denominación, saían dende Castromil (Hermisende, Zamora), A Mezquita (Ourense) e Moimenta (Portugal).

Os participantes facían un traxecto a pé ata A Feijoeira, en Moimenta, onde despois se desenvolvía un xantar de confraternidade que vén a reforzar os lazos e vínculos entre os territorios da Raia. Ademais, o ambiente estivo animado pola actuación da banda de gaitas da Raia, formada por músicos destas tres zonas. Con este encontro búscase poñer en valor a historia, a cultura e o patrimonio compartido destas terras fronteirizas.

Ao mesmo tempo, con esta andaina mantense viva a memoria das antigas rutas do contrabando, convertendo hoxe estes itinerarios nun espazo de convivencia, amizade e promoción do territorio.
Vídeo cedido.

