En portadaÚltima hora

O Periódico O SIL, na mesa redonda “Informar desde o lume. Xornalismo e incendios forestais” en Ourense

Está organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e celebrarase o sábado 18 de abril ás 12h.

O lume descendendo por Viloira (O Barco), no pasado agosto./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A mesa redonda Informar desde o lume. Xornalismo e incendios forestais, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, reunirá este sábado 18 de abril ás 12h. a distintos profesionais con experiencia no tratamento informativo dos incendios, entre eles o director do Periódico O SIL, Carlos G. Hervella. O acto celebrarase no Liceo de Ourense (rúa Valentín Lamas Carvajal).

No debate van participar Miguel Cao, xornalista de La Región; Uxía Carrera, xornalista de La Voz de Galicia; Carlos García Hervella, director do Grupo de Periódicos O Sil; Juan Maceiras, redactor xefe de Cope Ourense e o fotoxornalista de La Voz de Galicia Santi M. Amil; todos eles con ampla experiencia no tratamento informativo dos lumes forestais. Moderará a mesa redonda Jorge Isla, representante da demarcación de Ourense no Pleno Territorial do Colexio.

“A cobertura dos incendios forestais é unha das situacións máis delicadas e difíciles que se producen habitualmente no xornalismo da nosa contorna. Ás dificultades para transmitir a información de forma rápida e exacta e á obriga de exercer unha cobertura responsábel, que respecte as vítimas e non contribúa á especulación e o caos súmase tamén a necesidade de protexer a seguridade das e dos profesionais fronte ao lume”, segundo indica o Colexio de Xornalistas de Galicia.

Antes de que se comece a tempada de maior risco de incendios forestais, esta entidade colexial organiza esta xornada na que se pretende compartir experiencias sobre a cobertura informativa dos incendios, reparar nos desafíos e perigos que supoñen os lumes de sexta xeración e analizar o tratamento dos lumes tanto no momento da emerxencia como nas análises máis demoradas. A asistencia ao acto, que se desenvolverá no Salón Noble do Liceo de Ourense, é libre e gratuíta.

Back to top button