
O Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carbajal, 5) vai acoller o luns 9 de novembro, a partir das 18:30, a segunda edición do Encontro de Xornalismo Social “Somos Esenciais”, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración de Gadis. A xornada, organizada arredor do premio de xornalismo homónimo que recoñece as e os profesionais que dando voz aos problemas dos axentes sociais, quere ser unha oportunidade para achegar a poboación xeral á práctica da comunicación social.
María Rodríguez e Carlos G. Hervella foron os gañadores do sexto Premio de Xornalismo Somos Esenciais polo traballo «Megaincendios na provincia de Ourense. A traxedia das chamas», unha serie de pezas xornalísticas publicadas no número de setembro de 2025 do xornal ourensán O SIL sobre os lumes forestais. No encontro, os dous xornalistas debullarán os pasos do seu traballo xornalístico e explicarán ao público a complexidade de realizar unha achega multidisciplinar a esta problemática, que analice as distintas implicacións que ten na sociedade, co engadido de realizalo desde un medio local e de proximidade.
No acto tamén vai participar Brais Lorenzo e Cláudia Morán en representación de Habitar o baleiro. Este colectivo, formado xunto a eles por Sol Mendiguchía, Alba Moledo e Sergio Pascual, foi finalista do VI Premio Somos Esenciais pola serie de nove reportaxes «Habitar o baleiro: luces e sombras do rural galego», publicada en Sermos Galiza, o suplemento de Nós Diario, entre o 25 de xaneiro e o 6 de decembro de 2025. A súa participación servirá para aprofundar nas maneiras de abordar o territorio rural desde o xornalismo, buscando novas olladas que fuxan do tópico e que, sen abandonar o realismo, acheguen tamén unha nota de optimismo.
O Encontro de Xornalismo Social “Somos Esenciais” está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en colaboración con Gadis, para recoñecer o labor de xornalistas que traballan en temas de interese social en Galicia e dalo a coñecer a sociedade, e é de acceso libre e gratuíto. O acto complementa a convocatoria do premio de xornalismo homónimo, convocado tamén por ambas as dúas entidades, que naceu en 2021 para premiar o mellor traballo sobre a Covid-19 e logo se transformou nun recoñecemento ao xornalismo de temática social.