ConcellosÚltima hora

O Periódico O SIL, premiado pola Subdelegación do Goberno en Ourense polo seu labor informativo nos incendios do verán

 

No marco da celebración do 47º aniversario da Constitución, a Subdelegación do Goberno en Ourense outorgaba no acto celebrado na capital da provincia neste 6 de decembro seis mencións especiais, cinco delas outorgadas polos labores realizados durante os devastadores incendios do pasado verán, unha delas correspondíalle ao Periódico O SIL.

Deste xeito, distinguíase o seu labor xornalístico deste medio de comunicación durante a vaga de lumes de agosto de 2025 na provincia, tal e como sinalaba o secretario da Subdelegación do Goberno en Ourense, Manuel Arias. “Comprometidos coa provincia de Ourense e coa actualidade, este mes de agosto os xornalistas de O SIL desprazáronse aos pobos de Valdeorras, afectados polos lumes, unha das zonas máis castigadas, para converterse nunha importante canle de comunicación, proporcionando información constante á súa veciñanza, traslandando as súas necesidades, a situación ao minuto dos incendios e dos danos que causaron as lapas na súa contorna, contribuíndo a que chegasen os medios precisos en cada momento”.

 

 

Así mesmo, lembrábase que os incendios deste verán enchían a edición dixital do Periódico O SIL e as súas páxinas na edición en papel e tinguían a súa portda de negro. “Todo o que aconteceu reflexouse con rigor nas súas noticias, por iso este recoñecemento remarca o traballo, esforzo e vocación social do equipo de profesionais do Xornal O SIL”.

 

Cedida.

 

O galardón outorgado pola Subdelegación do Goberno era entregado pola deputada Marga Martín ao director do Periódico O SIL, Carlos G. Hervella.

 

Cedida.

 

As outras cinco mencións eran para o Quinto Batallón de Intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), a BRIF de Laza, a Asociación de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Ourense, a Garda Civil de Ourense e o Xornal O Sil. Ademais, entregouse un recoñecemento á asociación Aixiña, polo seu labor en prol da inclusión cultural e social das persoas con diversidade funcional.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Back to top button