
O mércores 14 de outubro, ás 11 horas terá lugar na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Santiago de Compostela, o acto de entrega do VI Premio de Xornalismo ‘Somos Esenciais’ a María Ángeles Rodríguez e Carlos G. Hervella, nun acto que contará tamén coa presenza de Belén Regueira Leal, decana do Colexio de Xornalistas, José Luis Fernández Astray, director de Comunicación de Gadisa Retail, e María Eimil Méndez, representante de Comunicación de Gadisa. Entregarase tamén a mención de honra desta edición a Alba Moledo, en representación do colectivo formado por Brais Lorenzo, Cláudia Morán, Sol Mendiguchía, Sergio Pascual e ela mesma.
«Megaincendios na provincia de Ourense. A traxedia das chamas» é o traballo gañador con texto de María Ángeles Rodríguez Yáñez e fotografías de Carlos G. Hervella, publicadas no número de setembro de 2025 do xornal ourensán O Sil, que analizan desde distintas perspectivas a problemática da vaga de lumes nesa provincia galega. O xurado sinalou que quíxose poñer valor o amplo traballo feito, baixo distintas perspectivas, do tratamento dos lumes en Ourense, destacando o rigor e a aplicación de boas prácticas de redacción xornalística e o valor que ten que fora elaborado por un medio local.
A mención especial concedeuse ao colectivo formado por Alba Moledo Ucha, Brais Lorenzo Couto, Cláudia Morán Mato, Sol Mendiguchía e Sergio Pascual Espinilla, pola serie de nove reportaxes «Habitar o baleiro: luces e sombras do rural galego», publicada en Sermos Galiza, o suplemento de Nós Diario, entre o 25 de xaneiro e o 6 de decembro de 2025. Neste caso, o xurado quizo pór en valor a calidade da serie presentada, na que se analiza en profundidade o universo rural galego con realismo, pero con optimismo e esperanza.
