
Nesta xornada de 6 de novembro o persoal de protección de menores está en folga en Galicia para pedir un “convenio digno” e, nese marco, tiña lugar unha concentración no Barco no Xardín Botánico da vila. Reivindican a súa función social e lembran que a “intervención con menores en situación de desprotección e conflito social é un sector no que a vocación e a responsabilidade das persoas traballadoras fai que non sexa visible a precariedade na que desenvolvemos o noso traballo diario, e cando falamos de precariedade referímonos a un amplo abano de situacións: salarios irrisorios, ratios de persoal que implican unha sobrecarga descomunal para poder cumprir o servizos, dispoñibilidade durante todos os días e horas do ano, dificultades na conciliación familiar, carga emocional e estrés como medio de vida, escaseza de medios…”, aseguran dende a Central Unitaria de Traballadores.
Neste senso, plantexa que o “V Convenio Estatal de Reforma Xuvenil e Protección de Menores non recolle as nosas necesidades, incluso as empeora ao establecer persoas traballadoras de primeira e de segunda”, por iso reclaman “da Xunta e da patronal que apliquen a suba económica por igual a todo o mundo eliminando a discriminación que recolle o artigo 65 de xeito inmediato”. Ademais piden a “creación dun convenio galego para que as nosas condicións sexan acordes coas nosas particulares necesidades, un convenio que teña a súa correspondencia cos presupostos da Xunta de Galicia”.