
O próximo sábado 27 de decembro ás 19h., o pianista Fabio Álvarez ofrecerá un concerto moi especial no Auditorio Xulio Vázquez da Pobra de Trives, no que interpretará o seu último traballo discográfico, Flowers Will Bloom.
Este recital ten un significado dobremente especial para el. Por unha banda, supón tocar na súa vila natal, un lugar íntimamente ligado á súa historia persoal e musical. Por outra, trátase de recuperar o concerto que non puido celebrarse o pasado mes de agosto debido á cancelación provocada polos incendios que afectaron á zona.
Flowers Will Bloom, explica Fabio Álvarez, “é un programa construído ao redor da idea da resiliencia, da capacidade de seguir adiante incluso después dos momentos más difíciles. O título do disco —As flores seguirán florecendo— resume o espíritu dun repertorio que convida á esperanza, á renovación e á luz tras a adversidade. Neste contexto, interpretar este programa na Pobra de Trives, tras todo o vivido recentemente na comarca, e facelo ademais como concerto de peche de ano, adquire un valor especialmente simbólico e emotivo”.
Como é habitual nos concertos que Fabio Álvarez ofrece en Trives, o recital contará ademais cun espazo dedicado ao talento local, coa intervención dunha moza intérprete da Pobra de Trives, que actuará xunto ao pianista nunha parte do programa.

Flowers Will Bloom era recoñecido coa Medalla de Prata nos Global Music Awards e recibiu excelentes críticas tanto a nivel nacional como internacional. Desde Antena 3 Noticias destacaban que “a súa técnica impecable e a súa sensibilidade artística transcenden as fronteiras da música clásica tradicional, convertíndoo nunha das figuras máis innovadoras e versátiles da súa xeración, polo seu dominio do piano, a súa capacidade para fusionar xéneros e por ofrecer un enfoque profundamente persoal no seu interpretación”.
As entradas están dispoñibles na Cafetería Quintela e en despacho de billetes o mesmo día do concerto. Este concerto preséntase así non só como “unha cita musical, senón como un xesto de encontro, memoria e celebración, utilizando a música como espazo de reflexión e esperanza compartida”, segundo o pianista.