
O pianista trivés Fabio Álvarez vén de ser galardoado coa Silver Medal – Outstanding Achievement nos Global Music Awards, un dos premios internacionais máis relevantes do panorama musical independente, polo seu disco Flowers Will Bloom. O álbum, publicado polo selo Kaizen Classical, do que o propio Álvarez é fundador, foi valorado pola súa profundidade artística, a súa orixinalidade e a súa coidada proposta estética.
“Este premio supón un recoñecemento moi especial, tanto a nivel persoal como profesional. Flowers Will Bloom é un proxecto profundamente sinceiro, e que reciba este tipo de valoración internacional emocióname. Ademais, representa un impulso moi valioso para Kaizen Classical, un selo que creei para dar voz a outros artistas con proxectos auténticos e con visión propia”, explica o propio pianista.
Este disco ten recibido excelentes críticas nos medios nacionais. Así, entre outras, a Revista Melómano, outorgáballe cinco estrelas e dicía: “Un pianista que presenta con delicadeza e ensimismamento, con atención ao detalle, capaz de mostrar toda a súa enerxía, pero tamén unha sutileza sen a cal non podería existir este disco”.
En Flowers Will Bloom, Álvarez reúne obras de compositores xaponeses como Ryuichi Sakamoto, Toru Takemitsu, Joe Hisaishi, Kosaku Yamada, Kozaburo Hirai e Yoko Kanno. O seu título fai referencia á peza Flowers Will Bloom (Hana wa saku) coa que comeza e termina o disco (dúas versións da mesma peza) composta por Yoko Kanno tras terremoto e o posterior tsunami que sufría o Xapón no 2011 e como símbolo de esperanza e reconstrución.

Inspirado por ese mesmo espírito, o disco de Fabio Álvarez propón “un universo sonoro de silencio, evocación e renovación”. Para nutrir a sensibilidade que daría forma ao proxecto, Fabio Álvarez viaxou a Xapón hai dous anos, co obxectivo de empaparse da cultura nipoa, a súa estética e a súa maneira de entender o tempo, a arte e o silencio. Esa experiencia influíu profundamente na concepción artística do álbum, que agora vén de ser premiado.
Fotos: Nacho Lunadei.
Vídeo cedido.
