CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O pianista trivés Fabio Álvarez presenta na súa vila o seu novo disco e impartirá unha masterclass

Fabio Álvarez./ Foto: Vanessa Rangel.

 

O Auditorio Xulio Vázquez de Trives acollerá o sábado 16 de agosto de 2025 ás 20:00 horas o concerto do pianista trivés Fabio Álvarez, que presentará o seu novo traballo discográfico Flowers Will Bloom, un proxecto que rende tributo á resiliencia e á capacidade das persoas para renacer tras a adversidade. O repertorio inclúe obras de destacados compositores xaponeses como Toru Takemitsu, Ryuichi Sakamoto e Joe Hisaishi, entre outros, cunha profunda conexión coa esperanza e a renovación.
As entradas teñen un prezo de 10 euros e poderán adquirirse na Cafetería Quintela ou o mesmo día do concerto en taquilla.

A programación completarase o domingo 17 de agosto ás 16:00 horas cunha masterclass de piano dirixida a persoas de todos os niveis. As inscricións deben formalizarse no correo kaizenclassical@gmail.com ou no teléfono/WhatsApp 605 194 742.

Un talento nacido en Trives

A paixón de Fabio Álvarez pola música naceu cando tiña 6 anos, e só un ano despois xa se matriculaba na Escola Municipal de Música de A Pobra de Trives para comezar a súa formación. Desde entón, a súa traxectoria estivo marcada por unha sólida preparación e un constante crecemento artístico.

Galardoado co Orpheus Classical Music Award (2019) e o Melómano de Oro (2019) polo seu primeiro proxecto discográfico Musical Zodiac (Orpheus Classical, 2018), foi eloxiado pola crítica como un pianista “brillante, impactante e sensible” (Revista Musical Catalana, 2019).

Formouse na Manhattan School of Music de Nova York, onde obtivo o Master of Music con máxima cualificación baixo a tutela de Philip Kawin, e previamente completou o Grao en Interpretación en Musikene – Conservatorio Superior de Música do País Vasco, estudando con mestres como Ricardo Requejo e Emmanuel Ferrer-Lalöe.

 

Foto: Nacho Lunadei.

 

Ao longo da súa carreira, colaborou con figuras destacadas como o lendario compositor George Crumb (1929-2022), quen destacou a súa “excelente técnica e visión artística”. En 2022 publicou o seu segundo disco, Mad Rush – Philip Glass (IBS Classical), aclamado pola crítica e recoñecido con 5 estrelas por medios especializados como Revista Ritmo, Melómano e SCHERZO.

Foi finalista nos Premios Martín Códax da Música en 2023 e 2024, e en setembro de 2024 fundou o selo discográfico Kaizen Classical, co obxectivo de apoiar e impulsar artistas de música clásica.

Fabio Álvarez actuou en escenarios tan prestixiosos como o Carnegie Hall de Nova York, a Fundación Juan March en Madrid, o Auditorio Manuel de Falla en Granada, o Teatro Campos Elíseos en Bilbao ou o Instituto Internacional Americano en Madrid, así como en festivais de referencia como o XVI Festival Internacional Pórtico do Paraíso ou o Festival NAK de Música de Navarra.

Back to top button