OurenseÚltima hora

O pleno da Deputación de Ourense acorda ampliar ata 1,5 M€ o Plan de Vivenda para axudar aos concellos a identificar vivendas e inmobles en ruína ou abandono

Noutra proposta aprobada hoxe solicítanse medidas administrativas e legais para regularizar propiedades abandonadas, tanto rústicas como urbanas, como ferramenta de protección dos núcleos rurais para garantir a seguridade pública e previr incendios

 

A Deputación de Ourense dotará con 300.000 euros máis o Plan de Vivenda para axudar aos concellos a identificar vivendas e inmobles en ruína ou abandono. A Corporación provincial, no pleno correspondente ao mes de xullo, aprobou hoxe unha iniciativa que suporá ampliar ata 1,5 M€ a dotación económica do citado plan, incorporando unha asistencia técnica especializada para apoiar ás entidades locais nos labores de investigación, identificación e regularización xurídica, rexistral e catastral de vivendas e edificacións en estado ruinoso ou de abandono, así como na tramitación dos correspondentes expedientes municipais.

Estes traballos cobrarían especial relevancia cando as persoas propietarias sexan descoñecidas, faleceran, non estean localizables ou existan herdanzas sen formalizar.

Este acordo engádese a outras propostas relacionadas co mesmo asunto, entre as que figura solicitar á Xunta de Galicia a posta en marcha de actuacións de conservación, aseguramento, demolición ou execución subsidiaria. Neste punto reclámanse cambios na lexislación urbanística e procedementos administrativos para simplificar e axilizar a tramitacións dos expedientes.

Ademais, pídese un Banco Galego de edificacións en estado de ruína ou abandono, en colaboración cos concellos, para identificar os inmobles susceptibles de rehabilitación, recuperación ou reutilización para novos usos residenciais, sociais, culturais ou económicos, contribuíndo así revitalizar o medio rural e conservar o patrimonio construído de Galicia.

Por último, apóstase por unha resposta coordinada no rural fronte a este problema por parte da administración autonómica, a FEGAMP, FEMP e os colexios oficiais de arquitectos técnicos de Ourense e de arquitectos de Galicia.

Protección dos núcleos rurais

O pleno tamén aprobou outra moción na que se demandan medidas administrativas e legais para regularizar propiedades abandonadas, tanto rústicas como urbanas, como ferramenta de protección dos núcleos rurais para garantir a seguridade pública e como prevención fronte aos incendios.

Así, pídese á Xunta de Galicia un sistema centralizado de tramitación e xestión dos expedientes sancionadores derivados do incumprimento da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, prestando apoio aos concellos con menor capacidade de xestión e encomendando á Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) a xestión recadatoria das sancións que resulten firmes.

Tamén solicítase a aplicación de senllos artigos da lei de recuperación de terras agrarias de Galicia e de medidas fiscais e administrativas, que facultan á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) a investigar e inspeccionar bens e dereitos en chan rústico ou de núcleo rural, sobre cuxa titularidade non haxa certeza. No caso de non haber propietario, o ben pasará a titularidade de AGADER.

Este instrumento dota ás administracións públicas dunha ferramenta para actuar sobre parcelas e vivendas abandonadas, cando o seu estado supoña un risco para a seguridade das persoas, a salubridade, a conservación do patrimonio ou a prevención de incendios, permitindo igualmente que os inmobles recuperados mediante estes instrumentos poidan incorporarse ao parque público de vivenda, priorizando o alugueiro accesible e a fixación de poboación nos concellos afectados polo despoboamento.

Reclámase tamén á Xunta un programa de recuperación de inmobles abandonados en núcleos urbanos e rurais, en colaboración cos concellos e deputacións, co obxectivo de rehabilitalos e incorporalos ao parque público de vivenda, con prioridade en zonas afectadas polo despoboamento, con demanda acreditada de vivenda ou nas áreas urbano-forestais nas que a súa recuperación contribúa á reducir o risco de incendios e a evitar problemas xerados por construcións en ruínas a edificios lindeiros.

Ao Goberno do Estado pídese que á Dirección Xeral de Catastro unha identificación forzosa e rigorosa dos propietarios das parcelas e bens inmobles que non teñan propietario certo, mediante a colaboración interadministrativa que permita abrir un prazo para que todos os propietarios de parcelas situadas en territorio galego sexan identificados. Unha vez rematado o procedemento sen que esta identificación sexa efectiva, a propiedade pasaría a ser xestionada por AGADER.

 

 

Limpeza das marxes nas vías ferroviarias

Outras das propostas aprobadas no Pleno pon o foco nas infraestruturas ferroviarias, reclamando a ADIF, con carácter urxente e periódico, a limpeza, roza, retirada de vexetación seca e eliminación de biomasa nas marxes das vías ferroviarias que discorren pola provincia, especialmente nos treitos situados en zonas forestais, rurais ou próximas a núcleos de poboación, con actuacións prioritarias naqueles puntos nos que xa se teñen producido incendios ou incidencias vinculadas á rede ferroviaria.

Neste contexto, pídese tamén un plan anual de mantemento preventivo, identificando os treitos de maior risco -en coordinación coa Xunta, a Deputación e os concellos afectados-, cun calendario de actuacións antes da época de elevado risco de incendios, e mecanismos de seguimento e avaliación. O Plan incluiría revisións do estado da vexetación nas zonas de dominio público, protección e servidume ferroviaria, sobre todo nos puntos onde a proximidade de arborado, matogueira ou biomasa poida favorecer a propagación de lumes.

Outra das peticións refírese á eliminación progresiva do uso de produtos fitosanitarios nas marxes ferroviarias, priorizando alternativas de control da vexetación máis respectuosos co medio, a saúde das persoas, a biodiversidade e cos recursos hídricos.

A moción require ao ADIF información detallada sobre as actuacións realizadas nos últimos anos nas vías ferroviarias da provincia, así como sobre a planificación prevista para o presente exercicio.

Por último, a iniciativa esténdese ao mantemento e limpeza das estacións de tren situadas da provincia, tanto no seu interior coma no exterior e con independencia de que se atopen ou non en funcionamento, dado o estado de abandono que presentan moitas delas, co fin de garantir a súa salubridade, seguridade e conservación.

Ambulancias medicalizadas para o interior da provincia

A Corporación deu o visto bo a unha cuarta iniciativa na que se reclaman ambulancias medicalizadas para o interior da provincia, en zonas clave como Verín e Valdeorras, un vehículo de Soporte Vital Avanzado de Enfermaría para a zona de Trives e Viana, e un máis de soporte vital básico na cidade de Ourense. A iniciativa inclúe a petición de reforzos urxentes con ambulancias de enfermaría avanzada mentres se conseguen as unidades médicas completas.

Pídese ademais que se incorpore á base do helicóptero do 061 unha ambulancia medicalizada, conectada directamente co área sanitaria; sempre dispoñible para cando o helicóptero non poida voar.

Asuntos de trámite

A orde do día do pleno incluíu unha modificación das bases de execución do orzamento actual da Deputación, que non supón cambios cuantitativos, e que afectan aos concellos de Amoeiro, Arnoia, Larouco, Riós, Sandiás, Punxín e A Mezquita, así como a outras tres entidades, entre elas a Universidade de Vigo, por cuestións de cambio de beneficiario ou de carácter técnico.

A maiores, procedeuse á inclusión, no Fondo de Continxencia do capítulo V dos orzamentos, dos 75.000 € destinados ás obras de urxencia para desentullo nas localidades da Bouza e Pixeiros, en Viana do Bolo.

Tamén aprobáronse senllas delegacións de competencias na Deputación por parte do Concello de Viana do Bolo, relativas á recadación en vía executiva dos gastos de execucións forzosas, e das multas por infraccións á lei de tráfico e ás ordenanzas municipais de circulación

Back to top button