SanidadeÚltima hora

O pleno de Trives aproba unha moción que a veciñanza poida escoller entre o HCV e o de Ourense

- A alcaldesa, Patricia Domínguez, enviará unha carta á Consellería de Sanidade para dar conta do acordo plenario no que se solicita que a poboación poida decidir centro hospitalario para consultas e urxencias

Oficina de Turismo e exterior do Concello de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“A atención sanitaria que se presta aos veciños e veciñas da Pobra de Trives é un asunto que preocupa enormemente ao goberno local, que levou ao último pleno unha moción para reiterar ao Sergas unha demanda que vén de anos atrás: que a poboación poida elixir hospital libremente entre Ourense ou o Barco de Valdeorras, tanto para as consultas como para a atención urxente. A proposta foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos”, explican dende o grupo de goberno trivés.

Aínda que os triveses teñen o Hospital Comarcal de Valdeorras como centro de referencia, “sucede con frecuencia que nas urxencias un paciente é trasladado ata O Barco para despois ser derivado ao CHUO, coas molestias que isto supón para os enfermos e os seus familiares”, indican dende o goberno local de Trives.

Neste senso, a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, enviará unha carta á Consellería de Sanidade para dar conta do acordo plenario que reclama a libre elección de hospital, unha demanda histórica que nunca obtivo resposta. Así o explica a rexedora: “Os veciños e veciñas da Pobra de Trives teñen dereito a elixir onde queren ser atendidos, que é unha demanda que se remonta a décadas atrás, tendo moi en conta ademais o estado no que se encontran as vías de comunicación”.

Servizo de préstamo de bicicletas e Escola da Encomenda

Na sesión plenaria tamén houbo apoio de todos os grupos para aprobar as normas reguladoras do servizo de préstamo de bicicletas que porá en marcha o Concello. A intención é que as bicis eléctricas poidan ser empregadas polos veciños e veciñas para os seus desprazamentos e tamén polos visitantes que queiran coñecer as súas impresionantes paisaxes.

Esta iniciativa permitirá levar a cabo un plan de mobilidade sostible no concello, ao mesmo tempo que se ofrece á cidadanía a posibilidade de practicar deporte e coñecer o entorno. Optouse así pola adquisición de bicis que gozan de gran autonomía e que permiten facer percorridos por todo o municipio dun xeito respectuoso co medio ambiente. Trátase de involucrar a poboación de diferentes idades.

Ademais, no pleno deuse luz verde á cesión á asociación de veciños da Encomenda do uso da escola por un período de 50 anos. Dáse así cumprimento a unha demanda veciñal que favorecerá a convivencia e permitirá levar a cabo reunións e a organización de obradoiros e diferentes actividades.

Artigos relacionados

Back to top button