Por unanimidade saía adiante esta tarde a proposición que a alcaldía de Vilamartín levaba ao pleno municipal relativa á catástrofe producida polos incendios. “O Concello de Vilamartín e a nosa comarca sufriu neste mes de agosto a máis grave situación de emerxencia medioambiental e persoal que se lembra. O lume, que comezou no concello de Laoruco e se estendeu logo aos Concellos de Petín, A Rúa, O Bolo para seguir despois ata Vilamartín de Valdeorras e continuar ata O Barco, Rubiá e Carballeda puxo en risco colectivo á nosa comarca, xerando un perigo inminente ás persoas e aos bens, materializándose cuantiosos danos no noso Concello. Esta situación esixiu aos poderes públicos a posta en marcha de medidas de xestión rápida para atender e mitigar os danos, tratando de conseguir que non se producira unha catástrofe de grandes dimensións”, dicía o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, que daba lectura a esta proposta.
O rexedor tamén sinalaba que “os esforzos realizados polas administracións públicas non puideron evitar a catástrofe, provocando a alteración e interrupción substancial do funcionamento da nosa comunidade, ao ocasionar importantes danos tanto medioambientais como materiais, en bens tanto públicos como privados”.
Xunto cos importantísimos danos medioambientais no “ecosistema de Valdeorras”, o alcalde resaltaba “os danos causados en vivendas e enxoval doméstico (en aldeas como Cernego, O Mazo, Penouta, O Robledo, San Vicente de Leira), así como nas construcións anexas e instalacións complementarias de apoio á economía e vida familiar dos nosos veciños. Pozos, hórreos, cubertos, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctrias e de alumeado, instalacións de telecomunicacións, cerramentos das fincas onde se atopan as vivendas etc. ue se viron afectados polas lapas. O lume causou danos en infraestruturas privadas como pistas forestais, captacións de auga, cerramentos, maquinaria e equipamento agrícola ou forestal, plantacións privadas, etc.”. Así mesmo aludía aos danos que sufrían establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís e nas explotacións gandeiras ou agrículas., ademais dos bens de titularidade pública danados como vías de acceso a poboacións, o servizos de alumado e o de subministración de auga”.
Ademais, apuntaba que para poder iniciar a fase de recuperación do municipio e da comarca “é preciso que as entidades públicas poñan en marcha un conxunto de accións e medidas de axuda dirixidas ao restablecemento da normalidade na zona do sinisitro. Estas accións requiren axilidade e precisamente por iso se require un acordo de urxencia por parte desta Administración”.
Nese senso a Corporación vilamartinesa aprobaba catro acordos. O primeiro deles, que o pleno declaraba San Vicente de Leira como “zona cero dos lumes acontecidos en Valdeorras” e, en segundo lugar, que o pleno “mostra a súa consternación pola grave situación de emerxencia medioambiental e persoal provocada pola vaga de lumes que está a golpear á comarca de Valdeorras e pola catástrofe que os incendios xeraron, e mostra a súa solidariedade con todos os veciños afectados. O pleno de Vilamartín agradece o esforzo realizado por todo o persoal implicado de maneira directa e indirecta na loita contra os incendios, tanto ao persoal municipal como provincial, autonómico e estatal. Especialmente, aos veciños dos pobos que se viron rodeados polas lapas, e que traballaron sen descanso para salvar os núcleos de poboación”.
O terceiro acordo era que “o Concello de Vilamartín de Valdeorras realizará as actuacións e adoptará os acordos que para o efecto sexan precisos, por conduto do seu alcalde, para instar a máis ampla colaboración de todos os poderes públicos para a recuperación do noso Concello e da nosa comarca, especialmente ante as administracións do Estado, da Comunidade Autónoma de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense”.

O cuarto: “particularmente, o Concello de Vilamartín de Valdeorras:
1°.-Realizará as actuacións e adoptará os acordos que para o efecto sexan precisos, por conduto do seu alcalde, para solicitar que a Administración Xeral do Estado, a través do Consello de Ministros, declare a situación de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, de acordo co previsto na Ley 17/2015, de 9 de xullo, del Sistema Nacional de Protección Civil, e solicitará as liñas de axuda e medidas previstas nesa lei para a situación de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil e, de ser o caso, as axudas que se contemplan na disposición adicional cuarta desa Ley 17/2015, de 9 de xullo.
2°.-Realizará as actuacións e adoptará os acordos que para o efecto sexan precisos, por conduto do seu alcalde, para solicitar que a Administración da Xunta de Galicia convoque unha liña de axudas ou subvencións para atender ás necesidades derivadas desta situación de emerxencia de natureza catastrófica.
3º.- Realizará as actuacións e adoptará os acordos que para o efecto sexan precisos, por conduto do seu alcalde, para solicitar que a Deputación de Ourense convoque unha liña de axudas ou subvencións para atender ás necesidades derivadas desta situación de emerxencia de natureza catastrófica”.
Con respecto a este último punto, o alcalde indicaba que xa se mantivo unha xuntanza co presidente da Deputación de Ourense e destacaba a súa boa disposición, confiando que en o que lles trasladaba se materialice despois na práctica. “O que se nos vén enriba pode ser tan malo como o que xa pasou, agora está chovendo de marabilla, pero se empeza a chover en plan tormenta ou torrencialmente o que nos espera augas abaixo pode ser moi complicado en pobos como Arcos, San Miguel ou a zona da Rodeleira porque non está preparados para a cantidade de auga que poden coller esas cauces. Unha tormenta pode ser moi perigosa para esas zonas. Se estamos preparados poderíamos ter algo de prevención”, aseguraba o rexedor vilamartinés.
Enrique Álvarez dicía, finalmente, que “posiblemente de aquí saquemos unha lección entre todos moi importante e quero pensar que se todos estamos xuntos imos poñer isto onde ten que poder estar. Vai ser moi difícil ou materialmente imposible recuperar zonas como a parte de alta de Cernego ou o pobo enteiro de San Vicente que volvan ter a forma ou a fisonomía que tiñan naquel momento, pero dende logo, o Concello vai tratar de conseguir que eses veciños afectados recuperen aquilo, non van poder recuperar eses castiñeiros centenarios, pero tratar de aliviar a situación. Economicamente e animicamente que saiban que estamos con eles para todo o que nos necesiten”.
O voceiro municipal do PP de Vilamartín, José Pinto, amosaba o respaldo do seu grupo á proposición presentada pola alcaldía e aseguraba que “desgraciadamente o que pasou pasou, xa non ten remedio, imos colaborar en todo o que se poida. E parte diso dende o Concello temos que intentar facer máis limpeza e ser máis serios coa xente cando se lle manda limpar, hai que buscar a fórmula de que o fagan. Temos un exemplo no pobo de Robledo onde os desbroces evitaron un dano maior. Temos que cambiar o sistema de desbroces e se os sitios estiveran máis limpos, pois posiblemente a magnitude do incendio non tería sido tan grande”.
O alcalde contestaba que “témolo en conta como suxerencia, e iso está ben, e temos que facelo todos. que as terras resulten produtivas para que fagan atractivas, que se faga algún tipo de parcelación para que iso ocorra”. E remarcaba a necesidade de que haxa unha posta das administracións pola posta en valor do rural como base para dinamizalo, facelo produtivo e evitar futuros lumes. “Se non se invirten cartos no rural, o rural non vai ser atractivo”, concluía.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.