Por unanimidade. Así era aprobada polo Pleno do Barco de Valdeorras a moción presentada polo BNG ás portas do 8 de marzo, data na que o feminismo sae ás rúas en homenaxe ás loitas feministas que nos antecederon e en reivindicación dunha vida en igualdade, especialmente no ámbito económico e laboral, para “conseguir avanzar en igualdade real e efectiva fronte ao rearmamento do machismo”.
Malia expoñer cada grupo as súas posturas e inquedanzas, os tres grupos políticos (PSdeG, PP e BNG) votaban a favor desta iniciativa que propoñía en primeira instancia que a Corporación municipal do Concello do Barco Valdeorras “reafirmara o seu compromiso coa loita feminista e o apoio ás mobilizacións e reivindicacións do feminismo galego organizado neste 8 de marzo de 2026”; reclamar á Xunta a “promoción dun acordo de país para a creación do Instituto Galego das Mulleres como un organismo público que promova e fortaleza as políticas de igualdade de forma transversal en todos os ámbitos da vida social, económica, cultural e política de Galiza”; e instar á Xunta a “impulsar un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución, para os Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega, facendo especial énfase na creación destes centros naqueles concellos e comarcas nos que actualmente non existen ou están sobrecargados”.

Neste pleno, celebrado na tarde do xoves 5 de marzo, tamén saía adiante, coas abstencións de PSdeG e PP, a outra moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego en “apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro” e contra o acordo UE-MERCOSUR”.
En canto a xentión municipal, na sesión tamén se aprobaba a adhesión a un convenio coa Xunta para que a Administración autonómica xestione os procesos selectivos unitarios de acceso ás diferentes categorías da Policía Local; e un recoñecemento extraxudicial de crédito para abonar 115 facturas do 2025.

No turno de rogos e preguntas saían a colación temas como a situación do Castro (BIC), da recollida do lixo e a futura pista de tenis, entre outros temas.
Fotos: Mónica G. Bellver.