
A aprobación da adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar, a muda do céspede do campo de fútbol das Carrelas ou a concesión do matadoiro municipal. Eran algún dos puntos que saían adiante por unanimidade na sesión plenaria extraordinaria que a Corporación de Viana do Bolo celebraba na tarde do 8 de abril. “A orde do día incluía os temas máis importantes que tiña pendentes o Concello de Viana.dende fai anos”, segundo explicaba despois do pleno o alcalde socialista, Germán García-Ávila.
De especial relevancia era o tema do Servizo axuda a domicilio, dependencia e apoio á libre concorrencia do Concello de Viana, un “servizo que levaba catro anos en precario, que non se daba sacado, e nós tamén conseguimos en tempo récord licitalo e adxudicalo, agora xa está adxudicado á empresa Idades SL”, dicía García-Ávila.
Outro dos puntos que saía adiante era o relativo ao desestimento do expediente de contratación e aprobación de novo expediente de contratación do contrato de concesión de servizos do matadoiro municipal. “Era un servizo adxudicado a unha empresa que tamén levaba dez anos vencido, no se fixera nada, a empresa nun momento determinado non lle interesou seguir polas razóns que fosen e dixo que o deixaba a 31 de decembro. E nós atopámonos coa problemática do peche de matadoiro, tendo en conta que na zona non hai ningún outro, só quedaba este, co cal é moi importante para os nosos gandeiros e gandeiras, e a espada de Damocles estaba enriba da nosa cabeza. Entón atopamos unha fórmula xurídica, consistente en facer un contrato menor de servizos aos traballadores e logramos sacalo a licitación. Xa se sacara anteriormente a licitación, pero houbo un defecto de forma nas bases e tivemos que anulalo e volver a levalo onte a pleno e aprobouse. No prazo de 13 días naturais teñen que presentarse as ofertas e aí decidiremos esa adxudicación. Era un problema moi grave porque implicaba o peche”, segundo o alcalde.
Con respecto ao proxecto de herba artificial no campo das Carrelas, que levaba dous anos paralizado, segundo indicaba o rexedor, “licitouse e adxudicouse xa, empezaremos probablemente entre finais de abril e primeiros de maio”.
E outro tema que o alcalde destacaba na sesión plenaria era a delegación de facultades/competencias por parte do Concello de Viana do Bolo a favor da Deputación de Ourense para a recadación en vía voluntaria e executiva das multas por infraccións de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, así como de ordenanzas municipais de circulación e dos gatos dervicados da execución forzosa. “Aquí non temos capacidade recadatoria entón se en Viana se sancionaba a alguén pois as multas quedaban sen pagar porque non se podía executar. Pero non se puido aprobar porque, aínda que se aprobou por maioría, non foi por maioría absoluta como se necesitaba, ao faltar tres concelleiros: Andrés Montesinos, Carmen Conde e Secundino Fernández. A maioría absoluta do pleno son seis, e aínda que votamos 5 a favor e 3 abstencións do PP, non foi suficiente para acadar esa maioría, co cal teremos que volver a traer ese punto no próximo pleno. Para nós é moi importante porque supón unha forma de regular os incumprimentos que se fan en Viana, como en calquera outro concello”.
A sesión plenaria prolongábase durante dúas horas e resultaba “frutífera no sentido de que se aprobaron cousas moi importantes para o Concello de Viana do Bolo e nós estamos moi satisfeitos”.