ConcellosQuirogaÚltima hora

O “Poder evocador do Courel” centrará o Faladoiro do 25 de marzo en Quiroga

 

O vindeiro mércores, 25 de marzo, chegará ao Faladoiro do Centro Social de Quiroga Jesús Alfonso Parada, un investigador e divulgador das tradicións que falrá do “Poder evocador do Courel”.

 Jesús Alfonso Parada é orixinario de Meiraos (Folgoso do Courel), e destaca pola súa dedicación literaria e pictórica. “O seu profundo amor polo rural e a historia fai que gran parte da súa obra recolla a etnografía, as tradicións, as lendas e a paisaxe da Serra do Courel”, aseguran dende o Concello de Quiroga, engadindo que cursou estudos de Historia, Traballo Social e Animación Sociocultural, Lecer e Tempo Libre na UNED e dende o 2007, ano no que viu a luz Usos, costumes e cousas do Courel, vén publicando asiduamente.

Esta apaixonado do rural  ten publicados 3 ensaios e preto de 20 poemarios, recibindo varios premios na súa traxectoria dende 2007. Como pintor, ten feito exposicións e salientar tamén  algúns recoñecementos, entre eles algún que lle outorgou a Asociación Fonte do Milagro de Froxán.

O Faladoiro é unha actividade que promove o Concello de Quiroga dende a Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá. Moderado polo concelleiro Xosé Manuel Fernández lévase a cabo os derradeiros mércores de cada mes, ás 18 horas, nas instalacións do Centro Social. Trátase dun espazo  aberto á veciñanza para a socialización, o coñecemento e a participación cidadá, onde tras unha breve presentación da persoa convidada, os participantes poden intervir con preguntas ou contando as súas propias experiencias.

Back to top button